
1 noviembre, 2025
Trátase dunha demanda que a veciñanza trasladou ao goberno en diversas ocasións
Calcúlase que o orzamento roldará os 250.000 euros
A intención é facer unha intervención similar á desenvolvida no camposanto xeral de Rubiáns
A tramitación necesitará varios meses ao depender de informes sectoriais de Adif e Costas de Galicia
Os servizos técnicos municipais xa están traballando na elaboración dun proxecto de mellora integral do Cemiterio do Carril, un dos dous de titularidade municipal que hai no concello. O plan, por tanto, afectará tanto á accesibilidade e mesmo á iluminación como á construción de novos bloques de nichos, na parte nova, anexa ao camposanto histórico. A intención é facer unha intervención similar á feita no cemiterio xeral de Vilagarcía, en Rubiáns, cuxo resultado foi moi ben acollido polas persoas que adoitan visitar ese lugar.
O concello xa dispón dun anteproxecto de ampliación do cemiterio de Carril, redactado en 2023. A intención era entón construír 44 novos módulos, que se traducirían en 176 novos nichos. Agora o que se plantexa é facer menos bloques nunha primeira fase, garantindo igual a demanda para varios anos. Ao tratarse de estruturas modulares, pode retomarse a ampliación en calquera momento, en función das necesidades. Deste xeito, pode centrarse boa parte do esforzo económico en arranxar a circulación interior no camposanto, é dicir, tanto en solados como en iluminación e sempre coa vista posta en cumprir coas actuais normas de accesibilidade. Neste sentido, trabállase en buscar a mellor fórmula para comunicar a zona vella coa nova, separadas por un importante desnivel que na actualidade sálvase cunha escaleira e una rampla que, sen embargo, presenta unha forte pendente.
Unha vez rematado o proxecto e avaliado o seu presuposto, será cando se decida se se executa con fondos propios, búscase financiación externa ou se combinan ambas vías. A falla de coñecer os datos definitivos, o goberno de Alberto Varela calcula que o proxecto roldará os 250.000 euros, unha cantidade similar á investida no cemiterio xeral de Rubiáns, aínda que neste as obras centráronse na accesibilidade, cunha superficie notablemente maior, e non incluíron a ampliación de panteóns.
1.400 NICHOS NO CARRIL; 4.600 EN RUBIÁNS
Igualmente, deseñado o plan de actuacións, será o momento de solicitar os informes sectoriais que afectan ás obras, sendo os fundamentais os de Costas de Galicia, pola súa proximidade á desembocadura do río Ulla e a ría de Arousa, e do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (AdIF), posto que o límite do camposanto está próximo ás vías de alta velocidade ao seu paso polo Carril. Por esa mesma razón, os trámites poden tardar meses, pero o substancial é que a decisión do executivo é firme e máis pronto que tarde a veciñanza do Carril contará cun remozado cemiterio, máis accesible, mellor iluminado e con reserva de nichos suficientes para atender á demanda durante varios anos.
O cemiterio do Carril ten unha superficie de 3.700 metros cadrados, dos que 3.100 corresponden ao recinto histórico e o resto, á ampliación que se fixo hai xa décadas cara ás vías do tren. Na actualidade, conta con 1.400 nichos, algo menos dun terzo dos que posúe o camposanto de Vilagarcía (4.580).
Alerta