O Concello do Grove participa un ano máis nos Premios Youtubeiras

Compartir

Os galardóns, que este ano teñen como lema ‘Magnetismo en liña’, repartirán un total de 7.500 euros entre as persoas gañadoras da ducia de categorías nas que se divide o certame

 

O Concello do Grove consolida a súa presenza nos Premios Youtubeiras participando en todas as edicións deste certame. Estes galardóns, organizados polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, abren o prazo de inscrición para a súa quinta edición, que terá como principais obxectivos impulsar a formación e consolidar a comunidade creadora que xurdiu ao redor desta iniciativa e que non deixou de medrar ao abeiro do concurso. Na convocatoria de 2020 concorreron 536 vídeos, cifra que se pretende superar nesta, malia que o prazo de inscrición para participar é menor que o de edicións anteriores, xa que se limitará a tan só dous meses. O prazo rematará así o 22 de outubro.

 

A gran novidade nas bases destes V Premios Youtubeiras, dispoñibles na web www.youtubeiras.gal, é que este ano non se poderán presentar vídeos illados como en ocasións anteriores, coa finalidade de fomentar a creación de canles, pero tamén o seu mantemento. No tocante aos premios, por segunda edición consecutiva, estes dividiranse en 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. Poderán aspirar a gañar os galardóns nestas doce categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.

 

Magnetismo en liña’ e formación

Neste quinto ano, escolleuse como lema a frase Magnetismo en liña, co obxectivo de remarcar a evolución do proxecto dende a súa posta en marcha. O que se pretende con esta idea do magnetismo é incidir na atracción en canto á consolidación da figura de youtubeira e youtubeiro, ao tempo que se subliña a influencia que o mundo youtubeiro exerce xa na sociedade.

 

Por outra banda, os Premios Youtubeiras, que teñen como finalidade ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar as/os youtubeiras/os en galego, ofrecerán novas formacións nos próximos meses, que lle darán continuidade ao obradoiro impartido por Xoán Escudero ao comezo do verán, centrado na mellora da calidade sonora dos vídeos. Neste mes de setembro, Adrián Suárez impartirá un curso sobre posicionamento na creación dixital e por último en outubro, Bárbara Román, avogada especializada en empresas tecnolóxicas, desenvolverá aspectos legais do Youtube. Deste xeito, a formación nesta quinta edición pretende ser máis especializada.

 

Xurado

Por último, o xurado que decidirá quen gaña en todas as categorías desta edición, agás no caso do Premio do Público, estará composto polo sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia. A partir da próxima edición, incluirá a persoa gañadora do premio ao mellor Youtubeiro/a.