O Concello e a Xunta de Galicia constrúen novos tramos de beirarrúas na zona empresarial de Campaña

Compartir
Obras aceras. Fonte: Concello

As obras tamén inclúen a creación de prazas de estacionamento na estrada que dá acceso ao Carballiño dende a PO-548.

O investimento que se realiza alcanza case os 120.000 euros.

 

A empresa Construcións, Obras e Viais S.A. deu comezo esta semana ás obras de mellora de infraestruturas viarias na área empresarial de Campaña, que inclúen a construción de novos tramos de beirarrúas, a creación de prazas de aparcamentos e a dotación de servizos.

Estes traballos son cofinanciados entre o Concello e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que aprobou unha subvención ao abeiro dunha orde para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia. O investimento será de 119.950,12 euros.

 

 

Obras. Fonte: Concello

 

As actuacións que se están a realizar inclúen a ampliación e humanización do vial que dá acceso ao núcleo do Carballiño dende a estrada PO-548. Ensancharase a plataforma para permitir a dotación de novas beirarrúas pola marxe máis próxima á Mina Porto Piñeiro, onde tamén se habilitarán novas prazas para o estacionamento de vehículos.

As melloras tamén afectarán á outra marxe da estrada, coa continuación das beirarrúas aproximadamente ata a altura da empresa Intavalsa. Neste tramo, no que existen varias vivendas, instalaranse ademais canalizacións de saneamento, abastecemento e recollida de augas pluviais.

 

Obras. Fonte: Concello

 

O obxectivo é ofrecer un mellor servizo aos peóns e vehículos á hora de acceder e circular por esta vía, facilitando o desenrolo da actividade empresarial. Hai que ter en conta que a área industrial de Campaña é o maior asentamento industrial do municipio con seis grandes empresas nas que traballan máis dun milleiro de persoas. Por iso resulta necesario adecuar as infraestruturas viarias para garantir un bo discorrer da circulación para o persoal e o transporte.

Esta é a terceira fase de melloras que se levan a cabo no entorno de este parque empresarial.