27 agosto, 2021
25 persoas desempregadas recibirán formación, asesoramento e acompañamento para a busca activa de emprego
Comeza en setembro, e combinará actividades presenciais con sesións e titorías online
O programa de inclusión laboral Vives Emprega, organizado polo Concello de Vilagarcía a través da ONG Acción Contra a Fame, inicia no mes de setembro un novo semestre de actividades, destinadas a que persoas desempregadas, adquiran a formación complementaria e dispoñan dos recursos e do asesoramento necesario para poder acceder ao mercado laboral. Un total de 25 persoas poderán participar no programa de forma gratuíta, para o cal xa poden inscribirse a través do teléfono 690134584 ou dos enderezos mail: www.vivesemplea.org e rvidal@accioncontraelhambre.org
As sesións de traballo irán encamiñadas a por en valor as propias competencias dos participantes, así como a potenciar novas habilidades no mundo online, primando o traballo da identidade dixital, así como o da marca persoal online, para que a busca de emprego sexa o máis efectiva posible no novo contexto laboral.
Para facilitar a participación e intentar mitigar o máximo posible a brecha dixital, poñerase a disposición das persoas participantes tanto os recursos tecnolóxicos como a formación TIC necesaria para o óptimo aproveitamento do programa. Tamén haberá posibilidade de realizar formación con cualificación e prácticas en empresas. A totalidade das accións son gratuítas, xa que o programa está integramente financiado polo Concello de Vilagarcía, o Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia.
Alerta