25 agosto, 2021
As concelleiras Marián Sanmartín e Beatriz Rodríguez, visitaron o actual local da asociación cos seus representantes, e a directora do centro escolar e supervisaron a nova casiña, que arranxarán de cara á súa utilización neste curso
Xa non queda nada para que cativos e adultos retomen as actividades extraescolares e as aficións, como a da música. Coa volta de setembro, volven as clases, e na Asociación Cultural Musimarín poderán facelo con instalacións ampliadas.
Desde hai algo máis de dous anos, a escola de música, que conta con máis de 100 alumnos e alumnas, estaba a ocupar unha das antigas casiñas de mestres que se atopan no recinto educativo do CEIP da Laxe.
Agora, o Concello de Marín colaborará coa entidade para xestionar a ampliación de uso á casiña anexa, unha decisión que deberá contar co visto bo definitivo do Consello Escolar, Inspección educativa e do claustro de mestres.
Entre outras cousas, levaranse a cabo traballos de mantemento, de repintado e, sobre todo, de electricidade, para dotar dun novo sistema eléctrico ao novo local, que permite realizar as clases e os ensaios de xeito correcto.
Desde o Concello, ambas edís destacan a importancia de seguir “apoiando e apostando polo noso tecido cultural”, que ofrece formación a todo o seu alumnado e que permite dinamizar á vila.
Alerta