O Concello inicia a “gran obra do bulevar que unirá Praza de América e Samil”

Compartir
Infografía do proxecto da Avenida de Europa. Fonte: Concello

A Xerencia de Urbanismo aprobou inicialmente este martes o proxecto de expropiación por taxación conxunta para a execución do “Proxecto de construción de beirarrúa con carril bici na marxe dereita da Avenida de Europa”, que ten un importe de case 835.000 euros.

 

O alcalde salientou que, con esta obra, “estamos trazando unha grande avenida para o presente e futuro da cidade porque este gran bulevar unirá Praza América con Samil”, con paseo, beirarrúa e un carril bici desde Tomás Paredes ata Samil. A obra ten un orzamento total de 4,5 millóns de euros que asume o goberno de Vigo grazas á súa “economía saneada”. Con todo, solicitará fondos Next Generation EU para acometela.

Segundo explicou Caballero, a expropiación dos terreos faise desde Tomás Paredes ata Samil, quedando afectadas 87 parcelas cunha superficie total de 10.500 metros cadrados. Agora ábrese un prazo de exposición pública dun mes e o Concello notificará de forma individual aos titulares de bens e dereitos afectados. Posteriormente, resolverá as alegacións se se presentan para acabar o proceso expropiatorio e proceder á ocupación dos bens. A adquisición de bens e dereitos privados ten un importe de case 835.000 euros. Unha vez expropiado o solo, o prazo da obra elévase a 22 meses.

“Queremos que o bulevar da Avenida de Castelao co seu ancho se prolongue deste Tomás Paredes ata Samil. Falamos dunha gran zona verde na cidade”, apuntou o rexedor. O bulevar terá 7 metros e un carril segregado ciclista de maior ancho. Unha vez que conclúan as expropiacións e a ocupación de bens, o goberno municipal procederá á retirada de mobiliario existente, sinais, postes de iluminación e tendido eléctrico, á demolición de muros existentes e á creación do espazo necesario para proxecto, demolición dos pavimentos, soterramento de tendido eléctrico, iluminación, redes de telefonía, canalización semafórica e rede de rega, renovación completa do colector de saneamento e, na outra vertente, renovaranse os sumidoiros e pozos de rexistro.