O Concello inicia a humanización do Paseo “para que Bouzas dea a volta e mire ao mar”

Compartir
O alcalde e o tenente de alcalde, Javier Pardo, no paseo de Bouzas. Fonte: Concello

O alcalde participou esta mañá no acto simbólico de colocación da primeira pedra da obra de rexeneración do Paseo de Bouzas, que ten un orzamento de licitación superior aos 3,7 millóns de euros.

 

“A obra máis importante que se fixo en Bouzas na historia; o obxectivo é que Bouzas dea a volta e mire ao mar”, sinalou o rexedor en rolda de prensa logo de colocar a primeira pedra da obra de rexeneración do paseo da fronte marítima. “Imos cambiar o concepto da zona: é zona de praia e volcaremos a cidade ata a parte lateral con contido e presenza do natural, resaltando o paseo, o areal e integrando o espazo amable coa estrutura xa construída na zona”, explicou.

Cun orzamento de licitación de 3.758.000 euros euros e un prazo de execución de 12 meses para unha superficie de 7.800 metros cadrados e medio quilómetro de longo, comprenderá o tramo que vai desde a igrexa de Bouzas ata a ponte da VG-20.

Segundo informou o rexedor, a actuación municipal inclúe a rehabilitación de toda a superficie do paseo de madeira que quedará formando un paseo brando, haberá tres zonas de escaleiras de acceso á praia, cinco grandes zonas de hostalería compatibles coa baixada ao areal e, na zona onde estaba o paseo de madeira voladizo, haberá bancadas de acceso ao mar que permitirán tomar o sol nelas. O alcalde apuntou que se trata dun “modo de praia urbana que permite chegar ao mar”, cando o antigo xeraba unha zona de praia marxinal. Agora, “queremos que se vexa o paseo e o mar, con 250 metros de zona de gradas, a outra zona terá tres partes de escaleiras”.

Ademais, o paseo combinará a madeira con zonas axardinadas que medran case o dobre, pasando dos 1.600 metros cadrados actuais a 2.500 con plantación de especies autóctonas de arborado, arbustiva e herbáceas propias da contorna litoral. No mobiliario urbano haberá zona de información con paneis modernos explicativos.