O Concello inicia o proceso de contratación para a renovación e reforma da Casa Consistorial

Compartir
Consistorio. Fonte: Concello

A madeira e o aceiro con selo galego serán os elementos fundamentais na súa remodelación.

O orzamento de licitación é de 1.361.377 euros e terá un prazo de execución de 12 meses.

 

 

Fóra da orde do día da Xunta de Goberno celebrada esta mañá de luns, 15 de novembro do 2021, o Concello de Pontevedra aprobou o inicio do proceso de contratación para a renovación e reforma da Casa Consistorial da Praza de España. Trátase dun proxectos que máis «ilusión» xera dentro do Goberno municipal por mor do que supón a recuperación dun equipamento destas características e do simbolismo que ten para coa cidade.

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, aproveitou a ocasión para matizar e sinalar algunhas variacións respecto do proxecto básico do proxecto. A primeira fai referencia ao custo, que estaría preto de duplicar o importe provisional inicial, até chegar a 1.361.377,69 euros de licitación. «Que causou esta variación entre o precio do proxecto básico e o proxecto de execución material? Pois causas e factores que desde o Concello xa temos falado nos últimos tempos, pois están no día a día de cada unha de nós.

Falamos dun proxecto que comezou antes da pandemia, polo que os prezos que manexabamos de materiais, man de obra e custes engadidos estaban pensados nesa etapa concreta. A medida que fomos traballando, a situación e o contexto económico de todo o mundo cambiou, e todas coñecemos o encarecemento dos materiais e dos custes en xeral».

Doutra banda, Gulías tamén comentou o factor de pasar da base ao detalle, feito que sempre descubre novos gastos e poden incrementar o orzamento. Así, o Concello tiña diante dúas posibilidades: paralizar o proxecto ou continuar con el, sendo a segunda a opción a escollida, mantendo o compromiso adquirido neste mandato e seguir adiante coa tramitación.

«Esta obra virá con cargo ao convenio coa Deputación de Pontevedra, feito do que se está a dar conta hoxe, polo que xa temos desbloqueados todos os trámites administrativos para comezar este proxecto e avanzar cara a unha realidade onde a Casa Consistorial estará a pleno funcionamento dentro deste mandato», explicou a edil.

Dentro do contrato aparecen recollidas diversas melloras para o mobiliario, o equipamento físico da Casa Consistorial. O Concello entende que, tendo en conta a entidade deste espazo, é preciso conxugar dous factores chave: o deseño e a calidade nos materiais a usar. «En ambos os dous casos estarán acompañados do selo da marca Galiza, ao intentar traballar cun deseño e materiais vangardistas na industria galega».

A madeira terá un protagonismo de seu dentro da renovación deste equipamento, e que terá un prezo específico e clave, xunto co aceiro; dous puntais da industria galega. «A importancia da madeira será evidente a través de deseños en elementos específicos da Casa Consistorial, polo que estamos en contacto directo co cluster da madeira en Galicia para que nos axuden durante todo o desenvolvemento do proxecto». Estas melloras terían unha contía de 121.000 euros. «Queremos que sexan materiais de calidade, materiais nobres, mais tamén modernos e creativos, que combinen coa tradición».

Alén de comentar estes primeiros pasos nas melloras, Gulías lembrou as cuestións fundamentais e básicas do proxecto, como a recuperación da fachada alhóngida, cara principal no seu día do Concello de Pontevedra, e obter de novo esa funcionalidade, deixando a portada contraria para ocasións especiais. Con esta recuperación tamén é resolto un dos problemas principais do edificio, que non é outro que a accesibilidade, resolta por fin cun ascensor que fará totalmente accesible o lugar, xunto con outras modificacións da planta baixa.

A portavoz do Goberno quixo transmitir de novo a idea de que esta renovada Casa do Concello será a casa de todos os veciños e veciñas da cidade, por iso terá unha funcionalidade múltiple, destinada non só a usos institucionais, senón que será un gran centro social para a veciñanza. Nese aspecto, alén da corrección da accesibilidade, tamén se está a traballar nuns novos sistemas de información e comunicación avanzados, permitindo unha modalidade presencial ou en liña total, á hora de poder seguir as actividades do edificio.

Dentro da eficacia e da eficiencia enerxética, o Concello quere apostar polas enerxías renovables na medida do posíbel. Polo momento, a caldeira de gasóleo será substituída por unha bomba de calor.

Por último, dentro da reconfiguración e do proceso de traballo que se realiza dentro do edificio, está a reformulación das dependencias de traballo da planta baixa. Tamén se creará algún espazo para os traballadores e traballadoras públicos onde poidan descansar e reunirse, xerando espazos de traballo máis amábeis. Nese sentido, tamén os aseos contarán con servizos adaptados para persoas ostomizadas e cunha sala de lactancia para que a utilicen todas as persoas que o desexen.

O prazo de execución para o proxecto será de 12 meses, sendo esta aprobación en Xunta de Goberno un dos primeiros chanzos para a o seu comezo.