9 noviembre, 2021
Tramitados e comprobados todos os documentos requeridos pola entidade local, só restaría a sinatura ante notario para formalizar e pechar a compra.
O Concelleiro Xaquín Moreda indica que este derradeiro paso pode ser dado antes de que finalice o mes.
Santa Clara está só a un par de sinaturas de pasar a formar parte do equipamento do Concello de Pontevedra. O antigo convento pasará a disposición pública nas vindeiras semanas, logo de se formalizar todo o procedemento administrativo requirido para a súa compra.
Segundo informou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, o Concello rematou xa coa tramitación e comprobación de documentos necesarios para proceder coa compra deste futuro espazo público. O desbloqueo dos 3,2 millóns de euros para poder mercar o antigo convento de Santa Clara tamén será formalizado nas vindeiras horas, ben á ultima hora da mañá do martes 9 de novembro, ben á primeira hora do mércores 10 de novembro; a través dunha Xunta de Goberno extraordinaria «para así poder proceder co pago á Orde das Clarisas», sinalou Moreda.
«Despois destre trámite irá ao notario e este deberá redactar os documentos perinentes», explicou o edil. «Agora mesmo, xa depende do notario estimar en que momento o Concello asinará a compra, segundo o traballo que lle comporte a realización deste último paso».
Moreda tamén lembrou que continúan avanzando noutros aspectos relacionados con Santa Clara, como os enterramentos situados na zona verde do complexo. Sobre o traslado destes restos, o concelleiro lembrou que é un proceso administrativo tamén longo e un tanto lento, iniciado pola Orde das Clarisas, que comeza coa petición do cese de enterramentos no lugar.
Após deste paso, é solicitada a clausura do cemiterio e, a partir dese intre, poderá ser realizada a exhumación dos corpos das quince lápidas que hai, se ben a solicitude oficial está referida a entre catro e cinco corpos por lápida. «Hai que entender que a identificación destes corpos só chega até o ano 1900. Se hai outros corpos, enterrados con anterioridade, non teremos información deles».
Alerta