Concello de Vilagarcía. Fonte: Concello
4 noviembre, 2021
Os titulares teñen ata o 29 de decembro para facer efectivo o pago, se non o teñen domiciliado.
Tamén se activa o padrón de Bens Inmobles de Características Especiais (BICEs), que ten a mesma contía que a Rústica: 254.000 euros.
O Concello vén de poñer ao cobro o padrón de Rústica do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e, ao tempo, o que afecta aos Bens Inmobles de Características Especiais. En ambos, o importe total a recadar é similar: 254.639 euros nun caso e 254.797 noutro. Na Rústica emítense 821 recibos e na de BICEs, só 88. Cada un destes padróns supoñen apenas o 3,3% da recadación total do IBI, de xeito que a Urbana representa, con moito, o groso da recadación ligada á propiedade de inmobles: 7.210.481 euros e o 93,4% do total. Con respecto ao ano pasado, o incremento da Rústica foi de apenas 14.000 euros.
No caso da Rústica, o prazo de cobro estenderase ata o 29 de decembro. Os que teñen domiciliado o seu recibo, (algo menos da metade das 821 liquidacións), terán o seu cargo mañá mesmo, día 5. Os que non, poderán esperar ata finais de decembro para facer efectivo o pago, ben telematicamente a través da Oficina Virtual Tributaria do propio concello, (ovt.vilagarcia.gal), ben presencialmente en calquera das oficinas bancarias colaboradoras da administración municipal: Abanca, BBVA, Santander e Caixabank.
Dende o concello, recomendase aos titulares dos bens que domicilien aos seus recibos. Lémbrase, tamén, que existe a posibilidade de efectuar o pago conxunto dos principais impostos municipais en 1, 3, 6 e 11 veces. Para iso, deberán comunicalo ao servizo de recadación antes do 1 de decembro do ano de que se trate, a fin de que esa fórmula xurda efecto no seguinte exercicio económico. O aprazamento dos pagos non xera ningún tipo de xuro.
Pola súa banda, os BICEs, (bens inmobles de características especiais), refírense, fundamentalmente, ás parcelas do porto que se explotan como concesións para actividades comerciais e industriais, e aos parques eólicos. O período de pago dos recibos dos BICEs tamén estará aberto ata o 29 de decembro; quen o ten domiciliado, (apenas unha cuarta parte), recibirán o cargo o 2 de decembro.
WhatsApp us