12 noviembre, 2021
O IAE só afecta a aqueles negocios que superan o millón de euros de volume de negocio.
Os recibos son 468, dos que só a metade están domiciliados.
O prazo de pago en voluntaria conclúe o 10 de xaneiro.
O Concello vén de poñer ao cobro o Imposto de Actividades (IAE,) cuxa contía está conxelada dende o ano 2016. En total son 468 os recibos emitidos, cos que se espera recadar 784.168,80 €. O prazo de pago en período voluntario rematará o 10 de xaneiro de 2022. Como se sabe, o IAE é un tributo directo que grava o mero exercicio de actividades empresariais, profesionais ou artísticas, pero sempre que a súa cifra de negocio supere o millón de euros. Todas aquelas persoas xurídicas ,que non físicas, que están por debaixo desta cantidade están exentas, ademais das actividades agrícolas, gandeiras dependentes, forestais e pesqueiras.
Apenas o 50% (231 dos 468), dos recibos emitidos polo Concello están domiciliados. Neste caso, o cargo na conta bancaria farase o 3 de decembro. O resto dos titulares terán ata o 10 de xaneiro para facelo, ben telematicamente, a través da Oficina Virtual Tributaria do propio concello (ovt.vilagarcia.gal), ben acudindo a calquera das entidades bancarias colaboradoras: Abanca, BBVA, Sabadell, Santander e Caixabank.
Dende o concello insístese na comodidade de ter os recibos domiciliados, sexa neste imposto ou en calquera outro. Para facelo, basta con avisar ao Servizo de Recadación con ao menos 15 días de antelación respecto da data de cargo en conta sinalado en cada imposto. Se non se fai nese prazo, a domiciliacións sería efectiva para o seguinte exercicio.
Alerta