O Concello programa a limpeza de regatos medida para previr as inundacións

Compartir
Regato. Fonte: Concello

Acondicionaranse os tramos máis problemáticos do río Con, e dos regatos de Cornazo, Santa Mariña, A Tripeira e Faxilde.

O servizo municipal de Medio Ambiente comunica a Augas de Galicia os leitos nos que se ten previsto actuar, seguindo o procedemento de anos anteriores.

 

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vilagarcía volve a poñer en marcha a campaña anual de limpeza de regatos do municipio, co obxectivo de previr e reducir o risco de inundacións coa chegada da tempada de choivas. Seguindo o procedemento dos últimos anos, a proposta vénse de comunicar a Augas de Galicia, organismo competente na materia, para poder comezar canto antes cos traballos que se desenvolverán nos tramos máis problemáticos dos leitos do río Con e dos regatos de Cornazo, Santa Mariña, Tripeira e Faxilde.

Pese a tratarse dunha competencia exclusiva de Augas de Galicia, o Concello leva uns anos colaborando co organismo autónomo, asumindo a limpeza de varios regatos do municipio, co obxectivo de garantir o seu bo estado durante a temporada de chuvias e para reducir os riscos de desbordamentos. A Concellería de Medio Ambiente comunica anualmente ao departamento autonómico as zonas que limpará con medios propios, á vez que lle solicita que actúe nos restantes puntos conflitivos, especialmente naquelas zonas onde se precisan traballos mecánicos, posto que a intervención dos operarios municipais faise exclusivamente de forma manual. Nos últimos anos, Augas de Galicia completou a actuación municipal con labores propias, especialmente en zonas de difícil acceso ou nos que é preciso utilizar maquinaria.

Os tramos que se encargará de acondicionar o Concello son o curso baixo do río Con, (dende a zona da Laxe ata a desembocadura), o traxecto do regato de Cornazo que discorre entre Cornazo de Abaixo e Fexdega, e o tramo do Santa Mariña que baixa dende o lugar do mesmo nome, atravesa a parroquia da Xunqueira e desemboca no estanque do Parque da Xunqueira. Os operarios municipais tamén se encargarán de cortar maleza e limpar os restos acumulados no leito do Tripeira, en Guillán, e do regato de Faxilde, no tramo que vai dende Fonte Faxilde ata a rúa O Freixo, nas inmediacións da praia do Preguntoiro.