5 noviembre, 2021
A administración local plantea esta alternativa ao ter pechados numerosos compromisos con empresas, para organizar eventos no recinto feiral.
O executivo local confía en que a colaboración existente entre as administracións permita habilitar este punto, para poñer a dose de reforzo da vacina á poboación da área sanitaria.
Técnicos do Sergas visitarán o luns as instalacións da Avenida da Mariña para avaliar as súas posibilidades.
Co ánimo se seguir prestando a máxima colaboración na loita contra a pandemia, o Concello de Vilagarcía vén de propoñer ao Sergas que utilice o edificio da Comandancia da Mariña como centro masivo para a dose de reforzo da vacina do covid. O goberno local ofrece esta alternativa ante a imposibilidade de volver a ceder Fexdega ao ter adquiridos compromisos con empresas de diversos sectores para organizar eventos no recinto feiral durante os próximos meses. O executivo que preside Alberto Varela confía en que a liña de entendemento aberta entre o Concello, a Autoridade Portuaria e o Sergas para a construción do novo centro de saúde serva tamén para salvar este inconveniente e garantir a posta en marcha do punto de referencia de vacinación da terceira dose para os veciños da área sanitaria.
A solicitude do Sergas para volver a dispor de Fexdega para esta nova campaña de vacinación chegou hai uns días, cando o Concello xa tiña pechado o calendario de actividade para Fexdega para os vindeiros meses e compromisos con varias firmas que, despois de moitos meses sen actividade deste tipo, apresuráronse a proxectar eventos tan pronto como a Xunta levantou o estado de alerta sanitaria. Tras as probas da oposición que se celebran hoxe nas instalacións, e cuxo desmontaxe comezará o luns, o recinto da Maroma porase mans á obra para acoller a celebración da feira Motor Okasión a vindeira fin de semana. A desmontaxe desta prolongarase aínda uns días máis e, a continuación, comezarán os preparativos para os eventos que se desenvolverán no pavillón e recinto feiral durante a tempada de Nadal e que se estenden ata principios de xaneiro.
Como xa se lle explicou ao xerente da área sanitaria no momento no que volveu a demandar as instalacións de Fexdega, os compromisos con terceiros xa estaban pechados e, aínda sendo conscientes da importancia que ten completar as pautas da vacinación, tamén o é poder ir recuperando a actividade das empresas e dinamizar a economía despois de tantos meses de perdas.
Neste marco e mantendo a boa disposición e a máxima colaboración amosada dende o primeiro momento, non só cedendo o pabillón durante meses, se non tamén facilitando medios materiais e persoais como o persoal de Fexdega e do servizo Municipal de Emerxencias, o goberno local púxose a buscar outras alternativas viables. Dada a ausencia de instalacións municipais que reúnan as características precisas para albergar o punto de vacinación, en canto a superficie, accesos, proximidade de aparcamentos e transporte público… pensouse no edificio da Comandancia que o Concello adquirirá á Autoridade Portuaria para construír na parcela, precisamente, unha instalación sanitaria: o novo centro de saúde de Vilagarcía.
O acordo acadado entre o Concello, o Porto e a Consellería de Sanidade para materializar este proxecto pode tamén facilitar a procura da solución para o centro de vacinación. Aínda que a compra por parte do Concello aínda non se executou debido ao procedemento administrativo que conleva, o compromiso de acordo entre as tres administracións asinouse publicamente e a Autoridade Portuaria xa ten iniciado os trámites coa correspondente aprobación por parte do seu Consello de Administración.
A alternativa da Comandancia trasladouse tanto á xerencia da área sanitaria como á Autoridade Portuaria. O luns, técnicos da Consellería teñen previsto visitar as instalacións para avaliar as posibilidades de habilitalas como centro de vacinación.
Alerta