24 noviembre, 2021
O Pleno aprobou este mércores o seu Plan Normativo para o próximo ano, un documento que recolle a previsión do goberno de Vigo de actuar sobre seis ordenanzas e regulamentos municipais.
A regulación das zonas de baixas emisións e a circulación dos Vehículos de Mobilidade Persoal, entre as incluídas.
A Xunta de Goberno Local dera luz verde ao Plan Normativo o pasado 5 de novembro e este mércores foi ratificado pola Corporación, cos votos do grupo de goberno e a abstención dos partidos da oposición. Polo goberno vigués, Carlos Font explicou que a intención é aprobar catro novas ordenanzas, modificar outra e validar un regulamento no próximo ano, en todos os casos nas áreas de Medio Ambiente e de Mobilidade.
Vigo prevé aprobar unha nova ordenanza de cemiterios e derogar a actual, que data da década dos sesenta do pasado século, e outra de vertidos non domésticos de aguas residuais para substituír á vixente, de 1994. O Plan cita ademais a modificación da actual normativa da XER, co obxectivo de actualizar os métodos de pago que xa se aplican na rúa, segundo indicou Font, e o regulamento da Policía Local. Sobre esta última cuestión, o concelleiro explicou que foi traballado “de forma intensa este ano” e se busca acadar o “consenso” con todos os sindicatos.
Por outra banda, o goberno de Vigo contempla sacar adiante o ano que vén dúas ordenanzas máis de nova creación. O Concello vai adaptar á súa normativa á Lei estatal de cambio climático, que obriga aos municipios con máis de 50.000 habitantes a declarar zonas de baixas emisións antes de 2023. Así, en virtude do Plan Normativo, a cidade terá determinados estes espazos ao longo do próximo ano 2022.
En segundo lugar, a administración que preside Abel Caballero prevé regular a circulación dos patinetes e Vehículos de Mobilidade Persoal (VMPs), durante o 2022. Segundo trasladou Font aos corporativos e corporativas, a norma municipal está “a cabalo” entre o 2021 e 2022 porque se agardou polos anuncios ao respecto da Dirección Xeral de Tráfico, e suporá a ordenación da circulación, os requisitos e as condicións de uso en Vigo destes medios de transporte. Pese a figurar no Plan do próximo ano, Font non desbotou que sexa aprobada este mesmo ano.
Alerta