15 octubre, 2021
A medida, solicitada polo interesado e prevista nas cláusulas do contrato, será efectiva do 1 xuño ao 30 de setembro de 2022.
A prórroga concédese nas mesmas condicións que as asinadas na adxudicación do ano en curso, co abono dun canon mensual de 1.800 euros.
A Xunta de Goberno Local acordou esta semana prorrogar o contrato para a explotación do quiosco-bar da praia da Compostela durante unha tempada máis ao actual adxudicatario. A medida, solicitada polo interesado e prevista nas cláusulas dos pregos de licitación, será efectiva para a tempada de verán do ano 2022, fixada do 1 xuño ao 30 de setembro de 2022. O concesionario, Darío Fole Rodríguez, xa se acollera este ano á posibilidade de ampliar a tempada durante o mes de outubro, outra das posibilidades previstas no contrato.
A prórroga para o verán que vén concédese nas mesmas condicións baixo as que se adxudicou a concesión. É dicir, que mantense o canon que o concesionario deberá abonar ao Concello por explotar as instalacións municipais, (1.800 euros mensuais), así como cumprir co resto dos requisitos recollidos no contrato: horarios, dispor os medios materiais e humanos necesarios para a prestación do servizo, manter e conservar en bo estado as instalacións municipais e subscribir os seguros de responsabilidade civil e de accidentes, ademais de correr con todos os gastos derivados da prestación, agás do consumo de auga e electricidade que son asumidos polo Concello.
O horario mínimo fixado polo Concello para a apertura do quiosco-bar era de 10 a mañá a 21 horas de forma ininterrompida, que o propio concesionario ampliou na súa proposta ata as 23.00 horas de luns a mércores, e ata á 01.00 da madrugada de xoves a domingo. Entre as melloras técnicas ofrecidas tamén polo adxudicatario estaban funcionar a modo de “beach club” no que servir cockteis, cafés, refrescos, combinados e viños; unha carta de tapas a base de produtos do mar, conservas e embutidos de calidade; e a organización de actuacións musicais en directo durante as fin de semana.
O pavillón de servizos da praia da Compostela é unha instalación municipal que o Concello oferta como quiosco-bar ao entender que este servizo supón un atractivo máis para o areal que goza de bandeira azul, ao contribuír á dinamización da praia e ao completar a oferta de servizos para os usuarios da praia e do paseo marítimo, así como para calquera visitante.
Alerta