O Concello proxecta o ensanche da Rúa Centro, en Castroagudín, para gañar seguridade viaria

Compartir
Concello de Vilagarcía. Fonte: Concello

Trátase dunha actuación solicitada pola comunidade veciñal e para o cal se conta coa colaboración da Comunidade de Montes.

Para posibilitar a actuación, necesítase construír un muro de contención entre as rúas Souto de Arriba e Centro.

Os traballos a realizar están presupostados en 33.400 euros.

 

No marco do Plan Municipal de Mellora de Camiños Rurais e das actuación que se levan a cabo para mellorar a seguridade viaria, o Concello de Vilagarcía proxecta o ensanche da Rúa Centro, en Castroagudín, atendendo así a unha demanda trasladada pola veciñanza do lugar ao concelleiro de Relacións Veciñais, Lino Mouriño. A Xunta Local de Goberno aprobou o proxecto da obra a realizar, que inclúe a construción dun muro de contención para permitir o ensanche, e para a cal se conta coa colaboración da Comunidade de Montes que cede os terreos dar o ancho necesario á rúa. A actuación ten un custe de 33.400 euros.

A parte máis traballosa do proxecto será a construción do muro de contención para salvar o desnivel entre a Rúa Souto de Arriba e a Rúa Centro. Para isto, antes haberá que demoler o peche dunha edificación en ruínas que se atopa no lugar, e se realizarán os movementos de terras e escavacións necesarios para abrir e ensanchar a caixa de terreo da calzada.

A actuación continuará co perfilado de refino do noiro de desmonte existente, coa construción do novo muro de contención, e completarase coa instalación dunha varanda con pasamáns e a pavimentación do vial. Tamén se desmontará e se reubicará un poste de telecomunicacións de madeira existente neste punto.

Agora que xa se dispón do proxecto técnico e de que este xa foi aprobado pola Xunta de Goberno, procederase a buscar a vía de financiamento para executar os traballos tan pronto sexa posible.