O Concello remata o expediente de Santa Clara

Compartir
Visita a Santa Clara. Fonte: Concello

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá unha Xunta de Goberno extraordinaria na que deu por pechado o expediente administrativo para a compra do convento de Santa Clara. Este acto permite desbloquear os 3,2 millóns de euros que suporá a adquisición do mosteiro, tal e como se acordou coa congregación das Clarisas.

O seguinte paso é remitir a documentación á Notaría, que se fará nas vindeiras horas. Comprobará a validez do expediente e elaborará o documento de compra-venda do mosteiro para incorporalo ao patrimonio público, que deberán asinar ambas partes. Polo Concello será o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Con esa sinatura rematará o proceso de compra: o fito histórico máis importante da cidade, despois da incorporación da Alameda ao entramado urbano no século XIX.