2 noviembre, 2021
A administración local aporta 25.000 euros anuais para financiar os custes de funcionamento e mantemento do servizo, ademais doutras colaboracións.
O acordo inclúe tamén a aplicación por parte da Protectora do protocolo CES, para o control das colonias de gatos de rúa.
A Xunta de Goberno Local de Vilagarcia aprobou hoxe renovar o convenio de colaboración coa Asociación Protectora de Animais para a xestión do Refuxio Municipal de Animais de Pinar do Rei durante o ano 2021. Segundo o acordo, o Concello aporta 25.000 euros para contribuír ao financiamento dos custes de funcionamento e mantemento das instalacións, así como para que a Protectora desenvolva a protocolo CES, (captura, esterilización e solta), para o control de poboación das colonias gatunas do municipio.
A maiores da subvención de 25.000 euros, e como xa se vén facendo dende hai anos, o Concello asume o pago dos recibos de electricidade, auga e saneamento, así como dos demais tributos que graven as instalacións e unha póliza de seguro para o continente. A colaboración da administración local complétase co compromiso de desprazamento e entrega dos animais recollidos nas rúas por parte do Servizo Municipal de Emerxencias, e co do financiamento dos custes de xestión en instalacións autorizadas dos cadáveres dos animais que falezan na canceira. Por último, o Concello encárgase do mantemento periódico da rede de saneamento e da fosa séptica do refuxio e de realizar os arranxos que sexa necesario.
Pola súa banda, a Protectora de Animais debe prestar o servizo de recollida e coidado dos animais que lle sexan entregados, encargándose da manutención, limpeza, atención veterinaria, etc…, cumprindo en todo momento a lexislación vixente na materia de protección de animais. Como xa se dixo, tamén terán que aplicar o protocolo CES para o control das colonias felinas no municipio.
No que ás instalacións municipais se refire, a asociación debe mantelas correctamente e velar pola súa conservación dos equipos, así como contar cun seguro para garantir o contido do inmoble e outro de responsabilidade civil.
A maiores deste convenio anual, o Concello colabora coa Protectora ao longo do ano en outras moitas actuacións, como o investimento levado a cabo para mellorar e adaptar as instalacións, de xeito que a canceira municipal puidera obter en 2018 a declaración de Núcleo Zoolóxico, que homologa e certifica tanto o cumprimento dos protocolos sanitarios como a calidade dos servizos e instalacións para poder acollerse ao sistema de adopción internacional de animais. Para que isto fose posible foi preciso habilitar unha quirófano, sala de corentena e realizar outras melloras.
Alerta