O Concello renova o conxunto escultórico “O Rapto de Europa”

Compartir
O Rapto de Europa. Fonte: Concello

Tras as melloras realizadas o alcalde visitou este mércores o espazo no que está instalado a “grande escultura”, realizada por Juan José Oliveira que tiña deteriorado o soporte interno. O goberno municipal ten en marcha un plan de actuación nas fontes e esculturas da cidade.

 

“O rapto de Europa” loce renovado na rotonda da Avenida de Europa logo dos traballos de reposición e ancoraxe realizados polo goberno municipal para restaurar a obra de 7 metros de altura e 1,5 quilos de peso.

Tal e como explicou Abel Caballero, na revisión das esculturas da cidade realizada polo Concello detectouse o deterioro interno nun dos soportes de ferro da escultura, que leva moito tempo instalada, polo que se procedeu a unha inspección completa que derivou no cambio da estrutura de ferro por outra nova de aceiro inoxidable para evitar a deterioración e que poida soportar mellor o paso do tempo. Amais, aplicáronse resinas especiais para reforzar a capacidade de soporte e ancorouse tamén con resina. Os traballos superan os 21.000 euros de investimento.

No tocante á fonte ornamental do conxunto, apuntou o rexedor, que se cambiou a bomba de chorros, impermeabilizouse o interior e cambiáronse todas as lámpadas, que se substituíron por focos LED polo que agora é enerxeticamente eficiente. Amais colocáronse novos proxectores LED para iluminar o monumento e realzar a escultura. “Estamos establecendo sistemas cada vez máis eficientes na cidade”.

 

Abel Caballero. Fonte: Concello

 

O alcalde explicou que o goberno da cidade está a desenvolver un plan de actuación e posta en valor das fontes ornamentais co obxectivo de adecuar as que están en funcionamento. No marco desde plan xa se actuou nas fontes da Praza de Compostela (50.000 euros), Praza de España (40.000 euros), nos estanques de Navia (50.000 euros), na rotonda de Balaídos con Fragoso (3.000 euros), na fonte da escultura Hándicap en Balaídos (2.000 euros), no parque da Bouza (5.000 euros), e no Centro Comercial Gran Vía (4.000 euros). A previsión é acometer “de forma inmediata” a recuperación da fonte de Rosalía de Castro, a do estanque de Couto San Honorato, Praza da Industria, a fonte circular da Praza de facultade de Empresariais en Torrecedeira, a fonte da parte inferior do Parque Camilo José Cela, a da rúa Cantabria con San Xoán, a Fonte Arquitecto Palacios en Bouzas e a do Cristo da Vitoria, na Alameda de Coia.

 

Abel Caballero. Fonte: Concello

 

Adicionalmente, o Concello está avaliando as necesidades estruturais das esculturas da cidade, logo de actuar xa nos cabalos da Praza de España, no Barco de Coia e no reforzamento da estatua de Manuel Castro en Príncipe. “Seguiremos actuando nas esculturas e fontes da cidade que teñen un enorme valor artístico”.