1 septiembre, 2021
As bases que regulan a convocatoria deste ano, foron aprobadas na reunión da Xunta de Goberno Local deste luns
A contía das axudas será de 400 euros para estudos universitarios, e de 200 para os de ciclos superiores de FP, realizados durante o curso 2020/21
O prazo de solicitude abrirase ao día seguinte da publicación das base no BOP, e manterase ata o 17 de outubro
O goberno local de Vilagarcía reedita o compromiso de facilitar o acceso aos estudos superiores dos vilagarciáns, independentemente das súas posibilidades económicas. Por iso, na última Xunta de Goberno Local, procedeuse á aprobación das bases que rexerán a nova convocatoria das axudas municipais a estudos universitarios, e de ciclos superiores de FP destinadas vilagarciáns que cursen fora do municipio.
Unha vez aprobadas as bases, éstas deberán ser publicadas no Boletín Oficial da Provincia, probablemente a vindeira semana. O prazo de solicitude abrirase ao día seguinte ao da publicación e pecharase o 17 de outubro. As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal).
A convocatoria refírese a estudos realizados durante o curso 2020/21. Por iso, ademais de estar empadroados en Vilagarcía, un dos principais requisitos para acceder a estas subvencións é que, en caso de estudos universitarios ou de nivel similar, os alumnos teñan cursado un mínimo de catro materias anuais ou un mínimo de 30 créditos por curso. No caso dos ciclos superiores esíxese que os estudos se realizasen na modalidade de dedicación a tempo completo. E en ámbolos dous casos, para recibir a axuda terán que xustificar ter superado, polo menos, o 50% das materias nas que estivesen matriculados no curso 2020/21.
Todos os requisitos e a documentación que deben presentar os solicitantes para acreditar a realización dos estudos, figuran nas propias bases, que se poden consultar no taboleiro de anuncios da web municipal http://www.vilagarcia.gal ou na sede.vilagarcia.gal
Esta é a sexta convocatoria desta liña de axudas creadas polo executivo socialista para garantir a igualdade de oportunidades, no que á formación e estudos se refire, de xeito que a situación económica familiar non sexa obstáculo para elo, dado o elevado custe que isto supón para as familias con economías máis febles. Por iso as axudas concédense en base aos niveis de renda familiar.
Estas bolsas que concede o Concello contaron cunha importante acollida por parte dos estudantes do municipio. En atención á demanda, o ano pasado decidiuse elevar a partida dos 40.000 euros dos que se viña dispoñendo ata 2019, ata os 60.000 que se reeditan agora. A medida propiciou un importante aumento dos beneficiarios aos que chegaron as bolsas, pasando dos 110 de 2019 aos 161 de 2020. En todas as edicións, a maior parte das axudas concedidas foron para estudos universitarios, é de dicir as de maior importe. En 2019 o reparto fíxose nunha proporción de 90-20 e o ano pasado de 139-22.
Alerta