17 noviembre, 2021
Crearanse 11 novas estacións para sumarse ás 5 existentes, cubrindo deste xeito o servizo en todo o entramado urbano. O servizo contará con 79 bicicletas.
Os cambios respecto aos pregos quedaron desertos son que se reducen 2 ciclos adaptados, amplíase o prazo de reposto e prevese unha talla única de bici regulable.
Tamén se suprime a ancoraxe directa para cadeiras de todas en todas as bicicletas e se permite o aceiro galvanizado como material das estacións.
As empresas interesadas dispoñen de prazo ata o 2 de decembro para presentar as súas ofertas.
Tras quedar deserta a primeira convocatoria para ampliación do VaiBike! debido ao incremento dos custes de produción que está a sufrir a industria a nivel global, o Concello de Vilagarcía volve a licitar o contrato de subministro de equipamentos e instalación do servizo municipal de bicicletas con condicións máis competitivas para as empresas. O prezo de licitación, 178.505 euros, mantense respecto aos pregos iniciais, igual que o obxectivo de ampliar ata 16 o número de estacións do servizo, (actualmente só se conta con 5), e o número de bicicletas totais coas que contará o servizo pasan a 79, (2 menos que as previstas inicialmente). O resto dos cambios introducidos para axustar o contrato aos prezos de mercado refírense principalmente a cuestións técnicas.
As dúas bicicletas que se reducen son as do grupo de vehículos adaptados, as denominadas “hand bike” adaptadas para usar con cadeira de rodas, que pasan de 6 a 4 vehículos. Tamén para abaratar o custe, suprímese a obrigatoriedade que todas as demais bicis conten con sistema para ancorar directamente unha cadeira de rodas. En canto ao resto dos ciclos, limitaranse os modelos a unha talla única regulable e en canto ao material das estacións de servizo, que inicialmente se restrinxía a aceito inoxidable, permitirase tamén o aceiro galvanizado.
As empresas interesadas en participar na convocatoria dispoñen de prazo ata o 2 de decembro para presentar as súas ofertas. Unha vez adxudicado o contrato e asinada a documentación, a adxudicataria disporá dun prazo de 4 meses para realizar o subministro dos equipamentos e ter executadas as instalacións.
Equipamentos e infraestruturas para potenciar o uso da bicicleta
A renovación e ampliación do VaiBike! permitirá dar un pulo moi importante ao servizo municipal de bicicletas e, consecuentemente, ao uso da bicicleta como medio de transporte ecosaudable e alternativo aos vehículos de motor. A ampliación do servizo enmárcase nas estratexias e políticas que promove a UE de aí que a ampliación se financie a través dos fondos europeos do proxecto “Vilagarcía Avanza”, incluído nas estratexias EDUSI, en concreto na liña de Mellora da Mobilidade Peonil e Ciclista da estratexia para favorecer o paso ás economías de baixo nivel de emisións de carbono. Para que esta aposta pola bicicleta teá éxito, tamén e preciso habilitar as infraestruturas necesarias para que os usuarios poidan desprazarse nelas de forma segura. De aí que, de forma paralelo, e tamén con fondos europeos, xa se estean a construír as ciclovías.
Características do novo servizo
As 11 novas estacións de bicicletas situaranse no Rial, O Freixo, na contorna dos edificios de As Gaivotas, no novo paseo marítimo de Canelas, no campo Manuel Jiménez, en Fexdega, nas Carolinas, na rúa San Roque, (nas inmediacións do IES Castro Alobre), na Praza de Ravella, na Praia da Compostela, e na contorna do ES de Carril. Deste xeito abárcase practicamente todo o entramado urbano de Vilagarcía, (xa que as EDUSI están destinadas a acción en contornas urbanas), coa intención de continuar avanzando no futuro cara as parroquias do rural.
Estes novos puntos súmanse aos xa existentes no Cavadelo, Parque de Dona Concha (Vilaxoán), Carril, O Piñeiriño e na estación de ferrocarril. Os equipos destes consérvanse, xa que os das novas estacións deben ser totalmente compatibles e estar fabricados con sistemas antivandálicos.
Cada estación contará con 6 aparcabicis e deberán estar dotadas con sistemas de eficiencia enerxética ou enerxías alternativas que permitan o aforro de electricidade, e tamén deberán incluír un punto de recarga para bicicletas eléctricas.
No que ás 79 bicicletas se refire, estas deben cumprir unha serie de requisitos como responder a criterios antivandálicos, estar fabricadas en materiais resistentes á exposición á intemperie, deseño adaptado ao uso urbano, contar con tres marchas, gardabarros, iluminación, timbre e demais elementos de seguridade, freos dianteiro e traseiro, cesta o soporte para transportar bolsos de xeito seguro, así como sillíns acolchados, argonómicos e axustables. Como xa se dixo antes, 4 dos vehículos terán que ser do modelo “hand bike” para que poidan ser utilizadas por persoas con mobilidade reducida.
Alerta