O Concello volverá sortear 100 tarxetas regalo de 50 euros entre a veciñanza

Compartir
Tarxetas Nadal. Fonte: Concello

As concelleiras de Comercio, Cristina Acuña, e de festas, Marián Sanmartín, presentaron a campaña, que arrancará o 1 de decembro ata o 15 de xaneiro.

Pódese participar a partir de 30 euros de compra, depositando os tickets no buzón que se colocará na Oficina de Turismo. Estarán exentos os supermercados, as farmacias e as gasolineiras.

 

O Concello volverá apostar polo apoio á economía local neste Nadal. Sabemos que estas datas son de gran consumo e por iso “queremos volver premiar á veciñanza que é fiel á economía local da nosa vila, facendo as súas compras e consumicións aquí, e animar a outros a que o fagan”, explicou esta mañá a concelleira de Comercio, Cristina Acuña.

Deste xeito, o Concello pon de novo en marcha a campaña de sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros. Para participar, será preciso realizar compras nos comercios de Marín ou consumir nos establecementos hosteleiros por valor superior a 30 euros, ben cun só ticket ou cunha agrupación de varios, entre o 1 de decembro e o 15 de xaneiro. Estarán exentas as farmacias, gasolineiras e os supermercados.

Os tickets terán que depositarse no buzón que se habilitará na Oficina de Turismo da Praza de España cos seguintes datos no reverso: nome e apelidos da persoa participante, DNI e número de teléfono. Os tickets terán que ser orixinais, “polo que xa avisamos de que se alguén o precisa para devolucións ou garantías, terá que pedir un duplicado”, explican desde o Concello.

O luns 17 de xaneiro, ás 12.00 horas, terá lugar o sorteo no Salón de Plenos para coñecer aos gañadores destas 100 tarxetas, que terán que gastalas tamén na economía local de Marín ata como máximo o 31 de marzo de 2022.

 

82.000 euros de impacto

“Coa reactivación desta campaña queremos volver incentivar o consumo na nosa economía local, apoiando aos comercios e á hostalaría que aínda seguen facendo fronte ás consecuencias das restricións derivadas da crise sanitaria”, explicou Acuña. O ano pasado, o impacto rexistrado na economía local da campaña foi de 82.000 euros.