
24 octubre, 2025
Galicia lidera o ranking estatal con máis bibliotecas escolares en funcionamento, que son “un lugar de referencia do desenvolvemento educativo nos colexios e institutos”. Xogan, ademais, un papel fundamental no reforzo das competencias lingüísticas do alumnado a través do novo Plan de lectura, escritura e acceso á información que o Goberno galego vén de poñer en marcha este curso no marco do Plan MEGA de mellora educativa.
Así o destacou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao Colexio Sensat, de Vigo, onde estivo acompañado da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, con motivo do Día da biblioteca escolar.
O titular de Educación da Xunta subliñou a importancia das bibliotecas escolares como lugares de fomento da lectura e tamén de traballo en equipo e de convivencia, xa que están abertos tanto aos estudantes como ás súas familias. Neste senso, a Consellería de Educación leva anos impulsándoas e potenciándoas, tanto con melloras dos seus espazos físicos como coa dotación e renovación de mobiliario e de recursos e partidas para gastos de funcionamento. Así mesmo, os centros teñen a disposición cinco programas diferentes, coa participación de 830 colexios e institutos no Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe), 458 nos Clubs de Lectura, 240 no Radio na Biblio, 212 en Biblioteca Creativa e 132 en Lectura e Familia.
Esta folla de ruta asentada no tempo fai que hoxe, segundo datos do Ministerio de Educación, practicamente a totalidade dos centros (concretamente o 98,2%) conten con espazos bibliotecarios en funcionamento, o que supón 15,7 puntos por riba da media estatal (82,5%).
Así mesmo, as bibliotecas dos colexios e institutos galegos son as que máis permiten o acceso ás persoas de fóra dos centros. No 62% dos casos están abertas á participación das familias, mentres que a media de España é do 36,3%. E case no 15% dos casos as bibliotecas escolares están abertas a usuarios de fóra da comunidade educativa, cando a media estatal é do 8,5%.
Abondando no compromiso da Xunta a prol da mellora das competencias lingüísticas do alumnado galego, cómpre destacar que a posta en marcha do Plan de lectura, escritura e acceso á información vai consolidar aínda máis as bibliotecas escolares como espazos clave nesta tarefa. Faino a través de tes eixos que son actuacións para fomentar e desenvolver a lectura, de impulso da escritura e de desenvolvemento do uso e tratamento de información.
Aínda que no último informe PISA Galicia obtén unha puntuación de 485 en competencia lectora, 11 puntos máis ca media española e nove máis ca da OCDE, a Xunta de Galicia, aposta, a través deste plan, por seguir mellorando a competencia lectora e fomentar o pensamento crítico, ademáis de impulsar a produción de textos escritos e promover a aprendizaxe en distintos formatos.
Precisamente unha das novidades deste plan, que ten unha vixencia de catro cursos escolares, é a implantación do tempo diario de lectura, un espazo protexido no horario escolar e para todas as etapas educativas no que os docentes abordan na aula diferentes xéneros e formatos como o escrito, o oral e o multimodal, onde se combinan varios sistemas como imaxes, vídeos e sons.
Alerta