8 octubre, 2023
GALICIA TRASLADA A NAMIBIA A SÚA VONTADE DE REFORZAR OS LAZOS DE COLABORACIÓN NO EIDO MARÍTIMO-PESQUEIRO.
— Alfonso Villares sinalou que se está traballando na renovación do memorando de entendemento entre a Xunta e o Ministerio de Pesca e Recursos Mariños namibio tras reunirse co titular deste departamento, Drek J. Klazen
— A Xunta aproveitou a presenza de 754 empresas do sector da transformación de produtos pesqueiros de 45 países na feira de Vigo para establecer contactos con aliados estratéxicos para o complexo mar-industria galego
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, mantiveron un
encontro esta semana co ministro de Pesca e Recursos Mariños de Namibia, Drek J. Klazen, no que abordaron a renovación do memorando de entendemento que estivo en vigor nos últimos cinco anos. Este foi un dos múltiples contactos internacionais que, desde o departamento da Xunta, se realizaron aproveitando a celebración da XXIV edición da feira Conxemar, que congregou en Vigo a máis de 750 empresas de medio centenar de países.
No encontro co responsable de Pesca de Namibia avanzouse no documento que ampara diversas accións de colaboración de Galicia co país africano, cuxa actualización definitiva se espera que esté lista a finais de ano. Nese sentido, o conselleiro destacou o traballo encomendado ao Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar para un proxecto co Centro Nacional de Investigación e Información Mariña de Namibia (NatMIRC) centrado en aspectos como a avaliación de recursos pesqueiros, determinación de stocks ou o
seguimento de dinámicas de poboacións de peixes.
A Consellería do Mar leva dende o 2008 desenvolvendo diferentes proxectos no país africano co obxectivo de fomentar o diálogo entre a comunidade científica e o sector da pesca sobre cuestións de interese mutuo e que redunden na mellora e avaliación dos recursos pesqueiros así como no fortalecemento da capacidade do NatMIRC no relacionado coa xestión pesqueira.
O titular de Mar convidou ao ministro namibio a unha próxima visita en primavera para traballar en eventos sobre sustentabilidade que están previstos para o mes de abril, un ofrecemento que foi respondido polo dirixente africano con outra invitación para que o mandatario galego visite o país africano.
Alerta