23 julio, 2021
En novembro de 2019 o Consello da Cultura Galega (CCG) botou a andar o Foro Patrimonio e Sociedade, un ambicioso proxecto que tiña como obxectivo propor un cambio na xestión do noso inxente patrimonio. Trinta especialistas de diferentes ámbitos xuntáronse durante mais de ano e medio nun proceso único, deseñado expresamente para integrar a todas as persoas que teñen que ver co sector, desde a sociedade ata os partidos políticos. O resultado desta iniciativa se concreta nunha Guía Práctica que, ademais de recomendar a creación dun Observatorio de Patrimonio, unha comisión de Patrimonio no Parlamento e a elaboración dun Plan Autonómico Patrimonial de Galicia, traza a folla de ruta para a xestión do patrimonio galego nos vindeiros anos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do Foro e mais da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, Rebeca Blanco-Rotea, presentaron publicamente esta mañá os resultados deste proceso.
“Todas as actuacións que teñen que ver co patrimonio son sempre complexas porque suscitan posicións e propostas que ás veces están enfrontadas” explicou a presidenta do CCG no acto de presentación para dar conta a complexidade do proceso. “A guía en si mesa xa é un fito importante no noso camiño” engadiu nun acto ao que asistiron unha ducia de persoas integradas no proceso como os coordinadores Iago Seara ou Cristina Sánchez Carretero, algúns dos membros da Comisión de Cultura do Parlamento, Noa Díaz e Mercedes Queixas; así como o catedrático de dereito Carlos Amoedo; a responsable da Área de Cultura e Patrimonio do Valedor do Pobo, Beatriz González, ou Soledad Felloza, da Rede do Patrimonio Cultural.
O Foro Patrimonio e Sociedade culminou coa presentación dun documento que pon enriba da mesa que se necesitan unha serie de ferramentas concretas para poder atender a todas as cuestións que afecten ao noso patrimonio. A primeira delas, e a máis necesaria, é a elaboración dun Plan Autonómico Patrimonial de Galicia que conteña as liñas forza da xestión da Administración autonómica. Dado o inxente patrimonio que hai no noso país, o Foro entende que a educación da cidadanía é clave, por iso fai explícito que ese Plan conteña un apartado específico de educación patrimonial. E tamén deixa claro que se necesita dotación orzamentaria para poñelo en marcha.
Outra das conclusións que apunta o Foro é a creación dunha Comisión de Patrimonio no Parlamento de Galicia, que podería estar vinculada á propia Comisión de Cultura, que atenda ao patrimonio como elemento estratéxico e transversal na política cultural galega. Ademais, recomenda a creación dun Observatorio de Patrimonio (cunha sección dedicada á Educación Patrimonial) e dun órgano interadministrativo de coordinación da política, normativa e xestión integral do Patrimonio Cultural de Galicia que goce de maior autonomía e, ao mesmo tempo, integre os principais ramos da Administración activa autonómica na xestión do territorio, combinando liderado e participación das visións sectoriais.
Un proceso envolvente e único
Unha das características máis anovadoras deste ambicioso proxecto foi a metodoloxía que xerou máis de 1.000 documentos e estreou unha nova forma de traballar participativa. O procedemento deseñado, tomando en conta consideracións de institucións como o Consello de Europa, a UNESCO ou ICOMOS ata o formato doutros plans nacionais, ía xerando documentos que se ían aprobando parcialmente ata chegar ao documento final que se deu a coñecer hoxe.
Desde a presentación do Foro, no Día do Patrimonio de 2019, artelláronse tres mesas que pretendían cubrir os diferentes aspectos que encerra o patrimonio. Desde as políticas públicas e normativa legal (coordinada por Teresa Nieto Freire e Cristina Sánchez-Carretero); a conservación, protección e promoción-difusión do patrimonio cultural (Carlos Nárdiz Ortiz e Iago Seara Morales) e a educación, formación e cidadanía (Blanco-Rotea e Juan M. Monterroso Montero.). En total unha trintena de especialistas foron traballando en diferentes documentos que se unificaron nun documento preliminar.
Despois dese proceso fíxose unha xornada de traballo na que participaron, por primeira vez, os representantes dos diferentes partidos políticos que integran a Comisión de Cultura do Parlamento, para buscar unha postura común nesta materia.
Coas análises das mesas de traballo e os da mesa política, elaborouse un documento cuxos resultados foron presentados, discutidos e analizados por expertos externos nas xornadas públicas que tiveron lugar na sede do CCG entre o 19 e o 21 de abril de 2021.
Delas saíron unhas conclusións que se remitiron á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á propia Comisión de Cultura do Parlamento. Con todo este traballo e co retruque proporcionado por todos estes axentes, volveuse sobre os textos para elaborar entre maio e xullo deste 2021 a Guía práctica para a análise dun sector clave na gobernanza do futuro 2019-2021.
A guía práctica
Esta guía non ten carácter vinculante e está concibida como un documento aberto. Pretende ser unha base sobre como abordar o labor de xestión e quere tamén servir de referencia sobre os retos que esta debe asumir e sobre as temáticas que preocupan a unha representación ampla de todos os sectores implicados. Ademais, trata de ofrecer algunhas orientacións sobre os posibles métodos de traballo en relación co patrimonio cultural. A guía está en formato dixital e xa está a disposición da cidadanía desde o web do Consello da Cultura Galega.
Alerta