7 diciembre, 2024
A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, anuncia a adquisición do inmoble situado en Ribeira do Berbés 25, co que xa son doce os inmobles comprados polo consorcio na zona
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, anunciou este sábado a adquisición dun novo edificio do Berbés para
continuar coa recuperación do emblemático barrio vigués. A representante autonómica celebrou a decisión co obxectivo de “rehabilitar un inmoble histórico” da cidade e continuar cos traballos para “acadar a reforma integral” de toda a zona.
O CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e un 10% polo Concello, aprobou no seu comité executivo a compra do inmoble situado no número 25 da Ribeira do Berbés. Trátase dunha casa cunha superficie construída de 100 m2. A nova rehabilitación permitirá construír novas vivendas no barrio do Berbés, onde o CCVV xa adquiriu outros once edificios permitindo a creación ata este momento de seis vivendas, xa habitadas tras a súa adxudicación.
Para a recuperación do Berbés xa levouse a cabo o pasado mes de agosto a compra do edificio situado no número 27 e tamén en outubro comezou a reforma do número 39 da Ribeira do Berbés, con saída ao número 2 da rúa San Francisco, por un importe de 498.844,13 euros. Ás seis vivendas xa construídas, situadas nos números 29, 31 e 41, sumaranse tamén as dúas do número 39.
Outros catro edificios foron cedidos polo Consorcio para a creación da sede urbana da Universidade de Vigo (na agrupación dos números 11, 13 e 15) e do Albergue de Peregrinos de Vigo, promovido pola Xunta de Galicia, no número 5. O consorcio adquiriu tamén o edificio situado no número 7, pendente aínda de rehabilitación.
O Consorcio Casco Vello, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, conta cunha partida total de 1.780.065 euros tras o desbloqueo do PAIF do exercicio 2024. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos.
Alerta