29 septiembre, 2021
“Unha reunión na Alcaldía, a petición da entidade e con presenza do seu avogado, moi secreta non parece”
“A día de hoxe non hai ningún convenio asinado, agás o relativo á propia compra da sede”
“As discrepancias entre socios e directivos deberían tratalas internamente, o Liceo-Casino non se merece pasar así unha das súas etapas máis difíciles”
O goberno municipal de Vilagarcía lembra que todos os vilagarciáns puxeron 475.000 euros para axudar a salvar a sociedade e que se van dedicar 1,5 millóns a dotar a biblioteca que todos os vilagarciáns merecen.
O actual dirixente está no seu dereito de recorrer aos tribunais, pero antepoñer os insultos ás razóns non semella ser a mellor decisión para iniciar ese camiño
O convenio polo que o Concello facilitará un local para que os socios do Liceo Casino poidan seguir desenvolvendo as súas actividades, unha vez que se faga efectiva a toma de posesión da actual sede e comecen as obras da biblioteca, “será público e asinarase con quen presida a sociedade nese momento”. Como é obvio, o acordo será co Liceo Casino, non con ningunha asociación que poidan estar utilizando nese momento as súas instalacións. Cabe lembrar, ao respecto, que na actualidade non hai ningún convenio asinado máis alá da compra da sede.
Trala adquisición da sede de Castelao polo concello houbo, evidentemente, varias reunións entre o goberno municipal e a directiva da entidade para abordar o futuro. A unha das xuntanzas asistiu o actual presidente; ás demais, xa non, senón un directivo xunto co avogado da entidade. Ata onde coñece o goberno local, ese directivo foi informando puntualmente ao seu presidente de canto se falaba nesas citas. Polo tanto, si o presidente está informado e as reunións se producen na Alcaldía, a petición da propia entidade e con asistencia do seu avogado, “moi secretas non parecen”. O goberno actuou como sempre, é dicir, recibindo a calquera asociación que así o solicita.
Para o goberno municipal, as discrepancias entre directivos e socios do Liceo Casino deberían de ser tratadas internamente, entre outras cousas porque unha entidade con máis dun século de traxectoria detrás non se merece estar pasando por un dos seus momentos máis difíciles desta maneira. Precisamente porque o concello, e especificamente o goberno de Alberto Varela, foi e é consciente do que significou e significa o Liceo Casino para a cidade chegou ao acordo de adquisición da sede. Foron 475.000 euros (compra máis condonación de débeda) que asumiron todos os vilagarciáns.
Pero o goberno local non quixo que esa acción de auxilio quedara aí e por iso quixo manter vivo ese patrimonio, reconverténdoo na gran biblioteca que todos os vilagarciáns merecen. Por esta razón se destinan 1,5 millóns de euros de fondos propios e por iso, tamén, se están xestionando outras vías de financiación a través dos fondos de recuperación da Deputación de Pontevedra. A intención é que as obras comecen en moi poucos meses e, fiel ao seu compromiso, o concello ofrecerá unha alternativa para local social ao Liceo Casino. Iso, precisamente, é o que se vén negociando cos seus representantes, incluídos os xurídicos: se o seu presidente, informado puntualmente de canto acontece, non asiste, é unha cuestión que compete á sociedade, non ao concello. Neste sentido, dende o goberno local insístese: o concello cumprirá o seu compromiso e cando haxa acordo, este será público e asinado con quen presida a entidade nese momento.
Por último, e en canto ás manifestacións feitas onte polo actual presidente, o concello non vai a entrar en polémicas, precisamente polo respecto que lle merece a traxectoria centenaria do Liceo Casino. Agora ben, confía en que esas discrepancias internas da entidade non deriven nunha utilización política da crise da sociedade de recreo, como xa onte se puido intuír e nas últimas semanas adiviñar. Para o goberno local, quen dirixe actualmente o Liceo Casino pode recorrer aos tribunais porque está no seu dereito, pero antepoñer os insultos ás razóns non semella ser a mellor decisión para iniciar ese camiño.
Alerta