22 agosto, 2024
Pedro Blanco, Delegado do Goberno en Galicia, despide ao xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra coa felicitación polo mellor dato de efectividade policial acadado polo corpo nesta provincia
A Garda Civil de Pontevedra esclarece máis do 51% das infraccións penais cometidas no seu territorio
* Agradece a Simón Venzal os cinco anos ao fronte da Garda Civil na provincia, marcada pola complexidade orográfica e a presión poboacional
* O delegado subliña a profesionalidade e talante do coronel, quen liderou o traballo da Garda Civil durante a pandemia e dirixiu operacións como a incautación do narcosubmarino da Ría de Aldán
O Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, despediu hoxe ao Coronel Simón Venzal, xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, quen o vindeiro 26 de agosto deixará o mando ao pasar á reserva. Pedro Blanco trasladoulle ao
coronel o seu agradecemento persoal e subliñou a súa profesionalidade e talante, desexándolle o mellor para a nova etapa que inicia.
Nunha reunión celebrada na Delegación do Goberno, o delegado agradeceu ao coronel Venzal os seus cinco anos de servizo á fronte da Garda Civil de Pontevedra, que pecha coa mellor taxa de efectividade policial acadada por este corpo. Entre xaneiro e xuño deste ano, os efectivos da Garda Civil da provincia esclareceron máis do 51% das infraccións penais cometidas no ámbito da súa demarcación. Estes resultados permiten que Pontevedra manteña un índice de delincuencia
moi por debaixo da media nacional.
O delegado do Goberno lembrou que o traballo da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra está marcado polas condicións xeográficas e poboacionais da provincia, de gran complexidade e que condicionan o traballo diario dos Corpos de Seguridade na provincia. Esta realidade, sinalou, outorga maior mérito aos resultados acadados.
Destes anos de mando, o delegado destacou como coronel liderou a resposta da Garda Civil durante a pandemia, na que exerceu labores de asistencia á cidadanía e ás administracións sanitarias. Durante estes anos producíronse ademais importantes operacións na provincia, co papel destacado da Garda Civil, como a interceptación do primeiro narcosubmarino de Europa na ría de Aldán en 2019.
Alerta