O corpo de bombeiros xa conta cunha nova zodiac que incorpora unha tecnoloxía pioneira no Estado

Compartir
Nova zodiac do corpo de bombeiros. Fonte: Concello

O novo equipamento supón unha mellora importante para os rescates acuáticos, ao ser máis grande e máis innovadora.

O Concello destinou un total de 53.000 euros para a compra deste novo equipamento.

 

 

O concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou esta mañá de mércores, 10 de novembro, a nova zodiac que incorpora o corpo de bombeiros municipal como parte do seu equipamento. Trátase dun vehículo marítimo novo, que vén substituír a zodiac que levaba en funcionamento desde o ano 1995.

A incorporación deste novo vehículo supón unha mellora inequívoca para a cidade, que mellora os medios para os rescates acuáticos en superficie. Dentro desas melloras específicas, o xefe de bombeiros de Pontevedra, Vicente Ferrería, sinala unha ganancia en amplitude en comparación coa antiga zodiac, ao ser o novo modelo máis grande e ampla, o que permitirá «traballar cunha padiola sen ningún problema», amais de permitir levar máis persoal no interior.

O elemento diferenciador respecto doutros equipamentos desta clase, é a mudanza do sistema de hélice, que nos rescates podía mesmo ser un elemento de risco, tanto para os traballadores como para as persoas a rescatar. A nova zodiac conta cunha turbina que é capaz de navegar con moi pouca lamina de auga e que, ademais, pode ter as funcións de lanza de intervención de auga- «Podería ser utilizada como unha lanza de auga en determinados accidentes acuáticos nos que haxa un incendio», explica Ferrería, que tamén sinalou que é un sistema moderno e innovador, e que non está rexistrado en ningún outro servizo de bombeiros do Estado español.

O Concello de Pontevedra destinou 53.000 euros para a compra deste novo equipamento, coa idea de convertelo «nun dos mellores equipados da contorna», seguindo as palabras de Eva Vilaverde. «Seguimos traballando en mellorar equipamentos e estruturas, pero tamén en dotalas de innovación como é a instalación deste sistema de turbina que ten unhas prestacións a maiores da seguridade, e que axudarán moito a cubrir certos servizos no ámbito acuático».