2 enero, 2025
Un estudo internacional no que participa o profesor da Facultade de Física da USC, Gonzalo Míguez Macho, revela que o cultivo de millo a gran escala no Cinto do Millo dos Estados Unidos incrementa as precipitacións na rexión. O traballo, publicado na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS), demostra que a gran extensión de cultivos en trece estados do medio oeste e sur estadounidense provoca un aumento na evaporación e transpiración da auga, o que, á súa vez, provoca un incremento nas chuvias.
O estudo, titulado ‘US Corn Belt enhances regional precipitation recycling’, analiza as implicacións do cultivo de millo nas precipitacións durante a estación cálida, especialmente na primavera e no verán, cando se produce o crecemento das plantas. Como explica o profesor Gonzalo Míguez, a gran cobertura de cultivos, sobre todo millo e moitas veces irrigados, aumenta significativamente o fluxo de vapor de auga cara á atmosfera, o que se traduce nunha maior taxa de reciclaxe das precipitacións. Este fenómeno fai que entre o 14% e o 18% da chuvia que cae na rexión provéña da evaporación local, sobre todo durante os anos secos.
Este aumento nas precipitacións, en especial nos anos máis secos, foi unha das principais conclusións do estudo, que tamén subliña a importancia da hidroloxía subterránea e da xestión agrícola no ciclo da auga no Cinto do Millo. A investigación ten implicacións relevantes para as predicións climáticas rexionais e para a seguridade alimentaria e hidrolóxica, abrindo un novo campo de coñecemento sobre os efectos ambientais do cultivo intensivo de millo.
Alerta