12 noviembre, 2021
A Concelleira de Igualdade e Promoción Económica, Yoya Blanco, inaugurou esta mañá cun roteiro por varios dos comercios participantes a exposición fotográfica do obradoiro Namórate de Ti, impulsado polo seu departamento e o Centro de Información á Muller (CIM), en colaboración coa fotógrafa e creativa Patricia Maquieira, e a animadora sociocultural Tegra Gómez, no marco do programa de actividades organizado co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A mostra foi visitada pola edil socialista en compañía da directora do CIM, Rosa Campos; a axente de Igualdade Mercedes Renda; as propias Maquieira e Gómez e un grupo de mulleres que protagonizan algunhas das imaxes penduradas en 16 establecementos comerciais situados nas rúas Castelao e Cruz Gallástegui.
En concreto, a exposición artística, poderá contemplarse durante as vindeiras semanas nos escaparates de Naty (tenda de roupa), Carlos Pons (perruquería), Doce Óptica, Alain Afflelou Óptico e Audiólogo, Cordal (agasallos), Tito de la Peña (perfumería), Desigual, Ali Móviles, Dicenfot SL, Chicco, La Mattina, Belén García Íntimo, Clikrs, Decoración Cordal, Daser Fotografía e Atmósfera Sport. Tal e como expresou Yoya Blanco, “a carga de sentimentos e emocións desta mostra é enorme, xa que está protagonizada por mulleres vulnerables, que en varios casos foron vítimas de violencia de xénero, e que puideron respirar libres grazas a estes talleres”.
“As valentes mulleres libres que protagonizan as marabillosas fotografías desta mostra, indicou a edil do PSOE- son Mer Paratcha, Patricia Pazó, Begoña López, Soledad Cores e Nuria González… Nos talleres tamén participaron outras compañeiras que, pola súa situación persoal, prefiriron manterse anónimas, pero para que as que os obradoiros tiveron ese mesmo efecto catártico, empoderante e liberador que para todas as que asistiron a eles”.
Non obstante, entre os obxectivos de Namórate de Ti están os de fomentar o empoderamento feminino e a autoestima a través da fotografía, así como a plena liberdade de pensamento e expresión. Os talleres, que teñen o seu colofón nesta mostra fotográfica, desenvolvéronse de xeito gratuíto na Casa Azul os días 6, 7, 13 e 14 de outubro.
Coincidindo co inicio do roteiro, Nuria González fixo lectura dun emotivo e fermoso texto reivindicativo contra o terrorismo machista, e a prol do amor propio e os dereitos das mulleres.
Alerta