15 diciembre, 2021
O programa ‘O teu cole na historia’, impulsado polo tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, co obxectivo de que o alumnado de Pontevedra coñeza un pouco mellor a historia dos seus colexios e o contorno no que se atopan e acaden unha maior identificación cos centros, pechou o ano cunha nova intervención artísticas nos muros do CEIP de Marcón. O mural realizado polo equipo creativo de Polo Correo do Vento (Kike Mauricio e Carlos Taboada) ten como protagonista o entroido tradicional da parroquia, hoxe desaparecido pero coa intención de recuperalo con iniciativas e estudos por parte da Sociedade Antropolóxica Galega.
“A un lado, a pedra zoomorfa de Outeiro Navío e ao outro -explica o socialista Tino Fernández- a pedrafita de Pena Longa, acompañan a paisaxe da ría dende o alto do monte da Fracha. Un falcón peregrino, os muíños de Pintos, a igrexa e os petróglifos de Outeiro Redondo completan a historia e valerosa contorna que cingue o colexio”.
Con esta intervención, o programa ‘O teu cole na historia’ xa se traduciu na realización de murais nos CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, A Carballeira, Vilaverde e Marcón; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido. A iniciativa da Concellería de Educación tamén ten agora prevista a posta en marcha duns obradoiros en torno á historia destes murais para o alumnado dos centros educativos.
Alerta