O expediente de nomeamento como fillo predilecto de Blanco Freijeiro xa está dispoñible para consultar

Compartir
Marín dende o mar. Fonte: Concello

Pódese acceder ao contido do expediente a través da sede electrónica do Concello, co obxectivo de que os interesados poidan facer aportacións.

 

A concelleira de Cultura e instructora do expediente de nomeamento de Blanco Freijeiro como fillo predilecto, Beatriz Rodríguez, informou esta mañá do inicio do período da exposición pública deste expediente, que poderá ser consultado por toda a poboación marinense.

Para ler o contido do expendiente, abonda con entrar na Sede Electrónica (https://sede.concellodemarin.es/) e para facer algunha aportación, pódese facer a través do apartado Solicitude Xenérica.

O obxectivo é poder aprobar definitivamente o nomeamento no Pleno de novembro, antes de que se celebre unha nova edición das Xornadas Blanco Freijeiro, que servirán de marco para todos os actos e accións que se levarán a cabo para promocionar e alentar o nomeamento.

Esta iniciativa foi impulsada polo Club de Opinión Portocelo e apoiada por entidades sociais e culturais como o Ateneo Santa Cecilia, a Asociación para a Defensa da Ría (APDR), a Asociación Cultural Ronsel, o Colectivo Queremos Galego, a Asociación de Antiguos Alumnos do Instituto Laboral de Marín, a Asociación Cultural Evangélica Kalos e a Asociación Cultural Almuinha.

No expediente, anéxanse documentos coa biografía de Blanco Freijeiro, recabada da Academia de la Historia, na que se fala das súas distintas tapas universitarias e académicas e do seu labor como arqueólogo humanista. Ademais, achéganse distintos documentos culturais e de divulgación científica, manuais, traducións, premios, colaboracións, cargos, honras e recompilacións de comentarios e publicacións.