O festival Sons da Canteira celebrarase o próximo 28 de agosto

Compartir

A segunda edición do festival Sons da Canteira volverá o próximo 28 de agosto á canteira en proceso de restauración de Vilafría, no Porriño, para encher de música e proxeccións o seu impactante escenario de pedra. O evento está motivado polo afán de recuperar o territorio e por utilizar para actividades culturais espazos que antano tiñan outro uso.

O cartel desta edición estará formado polo trap galego, flow costumista e twerking rural de Boyanka Kostova; o pop, disco e trap de Verto; o folklore africano, a electrónica e o dancehall da lisboeta Pongo que ofrecerá en Sons da Canteira o seu único concerto en España; os sons eclécticos de Mounqup, que estreará no festival o seu novo espectáculo “MQAVD”; polos sets variados e transversais da DJ Teresa Ferreiro; e polo grupo local de danza e música tradicional Os Penediños de Atios.

Entradas e accesos

As entradas para esta edición de Sons da Canteira poderán mercarse a partir deste luns 2 de agosto na web sonsdacanteira.gal, cun desconto do 25% durante as dúas primeiras horas de venda. Despois disto, o prezo das entradas será de 24 €/persoa a entrada individual e en parellas, e de 22 €/persoa para grupos de catro e seis asistentes.

Para facilitar o acceso á Canteira de Vilafría, a organización porá a disposición dos usuarios e usuarias autobuses gratuítos con saída dende O Porriño (ás 17h00, 17h30 e 18h00). Á hora de facer a compra, cada persoa poderá escoller o horario de autobús que mellor se lle axuste, xa que este será o único xeito de acceder cun vehículo ao recinto do festival. Unha vez no recinto, a pulseira de acceso funcionará tamén como moedeiro para facer todos os pagos pertinentes durante o festival utilizando a tecnoloxía cashless. Do mesmo xeito, o festival implanta nesta edición un servizo de atención en mesa para evitar aglomeracións e desprazamentos durante os concertos.

Sustentabilidade e apoios

Sons da Canteira establece estritos protocolos de seguridade e distanciamento social para un aforo reducido de 600 persoas ao aire libre. O festival ten, ademais, persoal dedicado en exclusiva á limpieza e xestión de residuos. O enclave natural no que se celebra hai un claro protagonista: o granito. Un recurso natural con altos valores de durabilidade, reutilización e reciclabilidade, entre outras características, o que fan del un dos materiais máis sustentables.

Como sustentable que quere ser Sons da Canteira, o festival subscríbese dende este ano a unha política que aposta pola cultura galega, pola presenza de artistas femininas, pola colaboración con entidades locais, e pola minimización dos seus impactos ambientais, contribuido así a facer deste entorno un lugar mellor e deste xeito contribuir dende o local a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible.

No seu afán por crear experiencias únicas para todos os sentidos, Cervezas Alhambra colabora un ano máis con este evento que ten lugar nun espazo máxico e singular como é a Canteira de Vilafría, onde a cervexeira convida a saborear as súas referencias ao compás das mellores propostas musicais. Tamén colaboran co evento Gadis, Viña Costeira, Ecovidrio, Aceites Abril e o Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa de Moda da Universidade de Vigo (EDEMGA). Sons da Canteira é un evento organizado polo Concello do Porriño e producido por Doppler Gestión Cultural.