4 febrero, 2025
O Foro Galego de Inmigración criticou duramente a decisión da Comisaría de Policía de Santiago de Compostela, e tamén das comisarías da provincia, de impoñer de novo a web xeral de estranxeiría como sistema de citas para as solicitudes de asilo, desbotando o sistema de cita telefónica implantado en 2023 de forma consensuada con entidades sociais, ONGs e colectivos.
A Comisaría de Policía remitiu unha comunicación a entidades, concellos e colectivos na que anunciaba que, a partir deste mes de febreiro, se retomaba o sistema de citas a través da web de estranxeiría, en lugar do modelo telefónico implantado o ano pasado, para harmonizar co resto da provincia da Coruña. Esta medida foi rechazada polo Foro Galego de Inmigración, que denuncia o colapso constante da web de estranxeiría, cuxo sistema está a ser atacado regularmente por bots que conseguen reservar citas de forma masiva, deixando fóra ás persoas que realmente precisan acceder ao servizo.
O Foro Galego de Inmigración lembra que, en 2022, durante varias xuntanzas coas autoridades policiais, os mandos recoñeceron a situación de colapso permanente da páxina web, así como a venda de citas a través de redes mafiosas, que afectan a miles de migrantes desesperados por conseguir a súa cita. A alternativa que se logrou acordar consistía en ofrecer varios sistemas de cita en Galicia: presencial en Pontevedra, por correo electrónico en A Coruña e por teléfono en Ferrol, Vigo e Santiago de Compostela.
O sistema de cita telefónica en Santiago funcionaba de forma aceptable, garantindo un número fixo de citas semanales e evitando o sistema de venda irregular. Ademais, permitía a atención a unidades familiares completas, algo que a web non posibilita debido á súa natureza individualista nas citas. Con todo, a imposición deste novo sistema de citas vía web sen explicación ningunha é vista polo Foro Galego de Inmigración como un novo intento de dificultar o acceso ao asilo e como un claro exemplo de racismo institucional.
Ante esta situación, o Foro Galego de Inmigración exixe o mantemento do sistema actual de citas de asilo na Comisaría de Santiago e nas demais comisarías da provincia da Coruña. Tamén requiren un compromiso por parte das autoridades policiais para convocar ás asociacións e colectivos implicados, co fin de consensuar calquera cambio que se queira propoñer, sempre co obxectivo de mellorar o acceso a este dereito fundamental das persoas migrantes.
Alerta