1 diciembre, 2021
O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo prepara un maratón de diversión no Mercado de Abastos para a inminente ponte da Constitución. Así, os talleres culinarios e creativos deseñados polo departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco para nenos de 4 a 10 anos prolongaranse máis aló da fin de semana, até o mércores 8 de decembro, aproveitando as xornadas festivas.
As actividades darán comezo o sábado 4 de decembro cun obradoiro de elaboración duns crocantes, delicados e saborosos profiterois e outro no que os rapaces terán ocasión de confeccionar a súa propia nave espacial (con marciano incluído). Para o domingo 5 de decembro organizáronse un taller no que os nenos e nenas cociñarán unha torta cremosa e co sabor suave e delicioso do queixo do Cebreiro e, no Espazo Crea, un no que converterán as luvas de lavar a louza nuns divertidos monstros que servirán para crear historias espantosamente ocorrentes.
Xa na xornada conmemorativa da Constitución, o luns 6 de decembro, os pequenos que participen en O Ganapán poderán elaborar uns espectaculares croissants de mazá e améndoas e crear coas súas mans e un pouco de imaxinación uns orixinais sapos papamoscas con material de reciclaxe.
Tal e como sinala Yoya Blanco, “o programa de actividades proseguirá o martes 7 de decembro cun novo obradoiro de cociña no que os rapaces cociñarán unha pizza moi diferente, a base de pera e gorgonzola, e outro no que se crearán unhas bonecas caseiras con pinzas”. “Este maratón de entretemento terá o seu o colofón o mércores 8 de decembro, Día da Concepción, no que os nenos e nenas asistentes terán ocasión de facer unha charlota de froitos vermellos, unha sobremesa vistosa e colorida típica de Francia, e un atrapasoños para colgar da cabeceira da cama”, avanzou a concelleira de Promoción Económica.
Todos aqueles interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración dos talleres. Como sempre, en tódalas xornadas haberá dúas sesións: ás 11:00 e ás 12:30 horas.
Alerta