19 noviembre, 2021
O Gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra pechará o mes de novembro cunha nova actividade de dinamización na que, neste caso, a danza será a protagonista. O evento, organizado pola escola Ponte Baile, que dirixen os prestixiosos bailaríns e coreógrafos Noemí Abal e Adrián Esperón, en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo, incluirá unha clase de baile gratuíta, unha exhibición de alumnos e baile social, así como unha cea de confraternización entre os asistentes.
Baixo o nome de ‘Déixate levar!’, a iniciativa celebrarase o sábado 27 de novembro a partir das 17:00 horas no primeiro andar do Mercado. Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “trátase dun evento aberto ao público, polo que convidamos a tódolos pontevedreses a achegarse ata o edificio da rúa Serra, pasar un bo rato ao ritmo da música, celebrar, rir e aprender uns pasos de danza”.
“Desde as concellerías de Promoción Económica e Igualdade seguimos a respaldar a realización de actividades de dinamización no primeiro andar do Mercado, con actividades como os Vermús de Pinto e Maragota, os talleres infantís de O Ganapán, exposicións artísticas e reivindicativas e eventos musicais e de baile”, subliña Yoya Blanco.
Alerta