5 septiembre, 2024
O alcalde Xoán Castaño advirte de que a suba e actualización de taxas e impostos locais
aprobada o ano pasado polo Concello será “insuficiente” para afrontar o incremento
anunciado pola Xunta
O Concello de Catoira aprobará este luns unha moción para levantarse “en pé de guerra” contra o ‘taxazo’ de Sogama porque, a xuízo do alcalde Xoán Castaño, a nova suba do canon pola xestión do lixo anunciada pola Xunta “volverá a afundir as arcas municipais”.
O rexedor considera que o incremento de prezos é un “sablazo bestial” do PP, pasando dos 68 aos 108 euros por tonelada de lixo enviada para incinerar. Sostén que é unha subida “abusiva e desproporcionada” para todos os concellos, pero especialmente grave nas súas consecuencias para a administración local de Catoira, que nestes momentos está a facer malabarismos para tratar de estabilizar e sanear a súa economía e eliminar a débeda contraída polos gobernos municipais anteriores.
“No mes de xullo Sogama xa nos subiu un 30%. Foron uns 2.300 euros a maiores. Se o ano que vén se aplica o ‘taxazo’, serían uns 50.000 euros máis, unha cifra inasumible que nos volvería afundir”, apunta Castaño, que advirte de que a subida das taxas e impostos municipais –entre eles o do lixo- cobrada á veciñanza polo Concello dende o ano pasado para manter equilibrado o gasto local e facer fronte aos créditos do ICO sería “insuficiente”.
“Volveriamos de novo estar en negativo porque o que subimos foi moi axustado e o esforzo sería en balde. O impacto do taxazo de Sogama é grave para todos, pero para o noso concello sería fatal, totalmente nefasto”, subliña o nacionalista, que defende que “que a Xunta pase a factura da subida do canon aos concellos para cumprir coas obrigas marcadas pola normativa europea significa, nin máis nin menos, que pasarlle a factura ás galegas e galegos, ás veciñas e aos veciños de Catoira”, insistiu.
Castaño destaca que o ‘taxazo’ de Sogama, ademais, é unha nova carga para unhas arcas locais que xa están tensionadas polo incremento de competencias impropias sen que o goberno galego achegue os recursos para prestalas.
Lembra o alcalde que o Concello de Catoira está a prestar o servizo da escola infantil, recentemente municipalizada e funcionando con fondos propios, e tamén sostendo o Servizo de Atención ao Fogar (SAF), ambas competencias autonómicas, sen que a administración liderada por Alfonso Rueda achegue o financiamento necesario. Subliña que “a escalada na factura do lixo súmase a todos os gastos que xa asume o Concello para garantir servizos básicos que debería pagar a Xunta. Nós acumulamos tarefas pero non recibimos fondos”.
“O que agora nos impoñen é abusivo e hai que rebelarse. É botarnos enriba outro gasto inadmisible. Dende a Xunta queren equilibrar as contas de Sogama e beneficiar as súas empresas amigas a conta de desequilibrar as economías dos concellos”, defende o alcalde de Catoira, quen lamenta que no último ano o goberno local está a facer unha xestión contida dos seus fondos para acadar o equilibrio orzamentario “mentres a cada momento xorden novos gastos por culpa da mala xestión da Xunta”.
Na moción que se aprobará luns o Pleno de Catoira rexeitará as subidas do canon de Sogama, tanto a de xullo deste ano como a anunciada para 2025, e instarase á Xunta a un xiro na política de residuos para primar e incentivar a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao custoso e antiecolóxico sistema Sogama baseado na incineración. Asemade, solicitarase a creación dunha comisión de traballo entre Sogama, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP, para determinar as condicións do canon para o ano 2025. Preténdese abrir un debate sobre a fórmula que permita a cada concello, con independencia da súa dimensión, acceder á redución do canon, valorando para a aplicación desa redución o compromiso de cada concello na aplicación da compostaxe individual ou comunitaria, ou financiando modelos de xestión alternativos nos que se debe primar o tratamento de proximidade dos biorresiduos, con sistemas de compostaxe domiciliaria e
comunitaria.
Alerta