O goberno de Vigo adxudica a nova Praza da Miñoca e licita a humanización do último tramo de Aragón

Compartir

Celebrada este xoves, a Xunta de Goberno Local acordou adxudicar o contrato para transformar a Praza da Miñoca, cun orzamento de 1,6 millóns, e lanzar o contrato da sexta fase da humanización de Aragón, que completará a mellora da rúa. O alcalde cifrou en 7,3 millóns o investimento nesta vía.

O Concello prosegue coa súa política de humanización e transformación dos espazos públicos da cidade e este xoves, segundo informou Abel Caballero en rolda de prensa posterior, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras da nova Praza da Miñoca, que durarán aproximadamente seis meses e buscan un espazo “máis natural” cun orzamento de 1,6 millóns.

Explicou o alcalde as principais actuacións recollidas no proxecto, que pasan polo deseño duns xardíns integrados nos estanques e canalizacións da auga e a creación dun río artificial. O terreo estará disposto en bancais e haberá diversas plantacións arbóreas, como cereixos, por exemplo. A Miñoca pasará a contar cunha pequena grada multifuncional e un bulevar e carril bici no perímetro da praza, que verá ampliado o seu parque infantil ata os dous mil metros cadrados, “un macroparque infantil”, en verbas de Caballero, con zonas de area, caucho e céspede. A reforma contempla tamén aparatos biosaudables e unha zona para a práctica de parkour.

O Concello aproveitará a remodelación para renovar as redes soterradas de abastecemento, pluviais e enerxía, reparar o empedrado existente e instalar unha iluminación de maior calidade e aforro enerxético, con luz específica para os elementos escultóricos. A este respecto, o goberno presidido por Caballero prevé reparar o exterior da escultura da miñoca. No tocante ao mobiliario urbano, a nova Praza da Miñoca terá bancos de pedra, fontes, papeleiras e pasarelas de madeira laminada.

Humanización de Aragón

Tamén este xoves, o goberno vigués deu luz verde á contratación da sexta fase da remodelación da rúa Aragón, na marxe impar entre o número 185 e o cruce coa Travesía Os Rosais. Xa aprobados os pregos de condicións, o Concello abre o proceso de licitación pública cun orzamento de 570.000 euros e un prazo de execución de seis meses.

Caballero informou que a obra dará continuidade ao modelo de reforma “de alta calidade” aplicado no resto da vía, con novos pavimentos, beirarrúas de granito, novas canalizacións de saneamento, abastecemento de agua, pluviais e rego, mellora da iluminación exterior, do mobiliario e da rede semafórica, xardineiras e arborado. Con este tramo o goberno de Vigo completará a humanización da rúa Aragón, onde o Concello finalmente terá adicado uns 7,3 millóns de euros, segundo trasladou o alcalde.

Por outra banda, Caballero recordou que neste entorno o goberno vigués proxecta a construción dun elevador que una a Travesía de Vigo (á altura do número 160) co 203 da rúa Aragón. Cun orzamento calculado en 900.000 euros, o elevador salvará a pendente existente entre ambas vías, xunto a igrexa do Santo Cura de Ars.

Curros e Brea

A sesión deste xoves da Xunta de Goberno Local validou ademais as adxudicacións das melloras da rúa dos Curros, en Lavadores, e do camiño da Brea, en Beade. No primeiro caso, o Concello conta con 89.500 euros de orzamento para “unha humanización en condicións”, sinalou Caballero, para construír unha beirarrúa na marxe esquerda ao longo duns 220 metros de rúa, ademais de acometer novas canalizacións de pluviais, iluminación e un muro de contención entre os números 95 e 101 da rúa dos Curros. As obra prolongaranse por un prazo estimado de tres meses.

En segundo lugar, o goberno de Vigo reserva 227.000 euros para a reforma do camiño da Brea, en Beade. Indicou Caballero que tamén se dotará á vía dunha beirarrúa na marxe esquerda, neste caso nos máis de 650 metros que van desde o cruce coa rúa Lagoa ata a Subida das Relfas. Ao longo de catro meses de traballos, o Concello disporá de novas redes de pluviais e iluminación exterior, sinalización horizontal e tres bancos.