13 septiembre, 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo unha xuntanza co presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, e a directora do Porto de Vigo, Beatriz Colunga
O Goberno galego destina un investimento de 3,5M€ para impulsar un conxunto de obras de humanización de toda a fronte portuaria de Vigo, dende o Areal ata Bouzas.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo unha xuntanza co presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, e coa directora do Porto de Vigo, Beatriz Colunga.
Esta primeira visita da conselleira ao Porto de Vigo permitiu realizar seguimento das actuacións ao abeiro do convenio entre o Goberno galego e a Autoridade Portuaria, dotado cun orzamento global de 5,17M€, dos que 3,5M€ son achegados pola Xunta.
Cómpre lembrar que xa se puxo ao servizo dos vigueses unha senda peonil e ciclista entre O Berbés e Portocultura; e están en execución as obras de mellora da mobilidade do segundo tramo do vial de Beiramar.
Segundo o cronograma avaliado na xuntanza, a finais deste ano estará finalizada a intervención de mellora deste segundo treito de 1,5 km que vai desde a Praza da Industria Conserveira ata a igrexa de San Miguel de Bouzas.
Ademais a conselleira María M. Allegue trasladou ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo o compromiso de colaboración da Xunta para continuar avanzando na mellora e humanización da fachada marítima desta cidade.
Alerta