O Grupo Socialista aproba en solitario instar á Xunta a aportar os mesmos recursos a Peinador que o Concello e a Deputación

Compartir

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu ao aeroporto vigués non só como ferramenta para o turismo, se non tamén polo volume de negocios da cidade.

O Pleno aprobou instar a Xunta de Galicia a que aporte un volume de recursos económicos equivalente ao que aportan conxuntamente o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra para a promoción de rutas aéreas no Aeroporto de Vigo. A moción saíu adiante cos votos a favor dos socialistas, a abstención do Grupo Mixto e o voto en contra do Grupo Popular e o concelleiro non adscrito.

Aneiros expresou que “a área metropolitana reúne a unha poboación estable de 500.000 persoas e un número de empresas que a sitúan como o entorno con maior número de empresas da Comunidade Autónoma e cunha importancia no Producto Interior Bruto de primeiro orde. O edil ademais puxo de manifesto a “importancia turística” polo que apuntou a necesidade de participar na promoción de rutas por parte do goberno autonómico.

Para os populares “Vigo ten o peor aeroporto de España pola falla dun plan de promoción a 10 anos vista” e lamentou que o Concello “non é capaz de proporcionar rutas atractivas a baixo custe”. Pola súa banda, o Grupo Mixto pediu “non poñer os ollos en subvencionar liñas aéreas” e apuntou á necesidade “de bonificar algunhas conexións como cidade periférica no Estado”. O edil non adscrito pediu “un comité de rutas consensuadas e acabar cos reinos de taifas”.

O responsable de Facenda achacou “á competencia desleal da Xunta” nesta materia, citando como exemplo a subvención que lle deu a Lavacolla para operar a Paris e deixar a Vigo sen esa ruta e lamentou a actitude do PP polas súas verbas sobre Peinador.

Estaleiro Barreras

A Corporación validou así mesmo outra moción do grupo socialista, neste caso, unha na que insta á Xunta a contribuír con fondos autonómicos ao finanzamento do pasivo do estaleiro Barreras na mesma medida que o está a facer o Goberno Central. O concelleiro de Emprego, Abel Losada, fixo na súa intervención un repaso da traxectoria empresarial do que foi o maior estaleiro privado de España e reclamou cooperación a través do programas de internacionalización do IGAPE na busca de novos contratos e mercados.

Outro dos asuntos que aborda o texto é a necesidade de usar parte dos fondos comunitarios Next Generation EU que a Xunta recibirá para desenvolver un Plan Extratéxico para a Industria Naval de Galicia, similar ao configurado arredor da industria aeroespacial no polo de Rozas (Lugo) no que se reforce a tan publicitada colaboración público-privada. Esta iniciativa, que asume que que as axudas públicas teñan que estar supeditadas ao cumprimento de determinadas condicións, saíu adiante coa abstención do PP, e cos votos favorables do PSOE, do grupo Mixto e do concelleiro non adscrito.