O informe do estado de saúde das 112 árbores da Alameda, motiva a tala urxente de 4 exemplares e a planificación de podas de seguridade en 77

Compartir
Alameda. Fonte: Concello

O Estudo Avanzado de Avaliación de Riscos impulsado por Desenvolvemento Sostible, permite dispoñer do primeiro inventario dixital co ‘historial médico’ do arborado.

Á marxe das talas, o catálogo elaborado por Arbogal mediante unha Visualización Técnica (VTA), e o emprego de resistógrafo recomenda efectuar outras 44 actuacións cunha prioridade alta.

 

Evitar na medida do posible a sobrecarga do terreo con grandes eventos festivos para non danar o sistema radicular das árbores, executar de xeito inmediato a tala de catro exemplares con defectos severos e risco elevado de caída e efectuar podas de seguridade e saneamento doutros 77 para mellorar o seu estado actual de saúde e minimizar riscos son as principais actuacións recomendadas na Alameda de Montero Ríos no informe elaborado pola firma especializada Arbogal tras realizar un ‘exame médico’ en profundidade aos 112 árbores do parque pontevedrés. Os resultados deste Estudo Avanzado de Avaliación de Riscos, que incluíu, entre outras exhaustivas probas, unha Visualización Técnica de Arborado (VTA) e o emprego de resistógrafos en 33 árbores que xeraban dúbidas ou tiñan feridas internas (aparellos que miden a resistencia á penetración e permiten coñecer con precisión posibles ‘vicios ocultos’), foron presentados hoxe na Sala de Prensa do Teatro Principal polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, quen anunciou o inicio inmediato dos traballos de tala e poda máis urxentes (realizados esta mesma mañá).

Segundo explicou Puentes, que estivo acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán; o xerente de Arbogal, Faustino Meis, e mailo enxeñeiro técnico forestal Rubén Caldas, o informe tamén recomenda que se efectúen podas de formación nos exemplares máis mozos e en desenvolvemento, para evitar problemas futuros; a substitución e colocación de novas ancoraxes dinámicas para as árbores que o requiran; a revisión VTA dos exemplares cada 2-3 anos para valorar a resposta dos mesmos ás actuacións efectuadas e anual para aqueles máis perigosos e a análise instrumental das especies con posibles riscos, troncos ou pólas con cavidades, pudricións ou feridas internas para tentar determinar o alcance desas lesións”. “No que atinxe aos exemplares de gran porte situados na zona perimetral da Alameda, dando directamente ás rúas, -sinalou o edil socialista- Arbogal aconsella a súa revisión e poda anuais, para evitar que tanto as árbores en si, como algúns brazos ou pólas de maior tamaño se sobredimensionen, adquirindo demasiada ‘vela’ ou demasiado peso nos seus extremos”.

 

Rolda de prensa. Fonte: Concello

 

Das 112 árbores inventariadas neste estudo e identificadas cunha plaquiña co seu correspondente número, 56 son plátanos de sombra (platanus hispanica), 25 carballos comúns (quercus robur), 20 tileiros comúns (tilia plathypyllos), 8 carballos vermellos americanos (quercus rubra) e 3 álamos brancos (populus alba). Tal e como indicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “os catro únicos exemplares cun risco serio de desplome, para os que se estableceu un nivel de prioridade urxente ou moi alta e, en consecuencia, a necesidade dunha tala inmediata foron os seguintes: un tileiro próximo ao Palco da Música con feridas radiculares debido á implantación de dous focos de luz no chan pegados a 10-15 centímetros do colo da árbore, con moi escasa vitalidade, unha regresión dificilmente subsanable, moitas pólas secas e fungos saprofitos; un carballo común situado á altura do Cafetín con moitos fungos, madeira en mal estado e un brazo moi seco e danado, e dous álamos brancos veciños ás escaleiras do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio, un con importantes fisuras, moitos signos de estrés e abultamentos na zona do colo, e outro cunha copa moi densa, elevado efecto ‘vela’, marcada inclinación, signos de descalce, un abultamento bastante marcado e bolsas de aire no sistema radicular”.