O Laboratorio da Infancia arrinca este mes de novembro cunha saída polo Camiño Portugués, talleres de escalada no Multiúsos da Xunqueira e obradorios de observación de aves, nas Marismas de Alba

Compartir
Alumnado Xunqueira. Fonte: Concello

Unha saída por un treito do Camiño Portugués na parroquia de Tomeza, dous talleres de escalada no Pavillón Multiúsos da Xunqueira, e tres observatorios de aves nas Marismas de Alba, conforman o cronograma de actividades cos que o proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento europeo, inicia a súa actividade nesta primeira quincena de novembro. A empresa adxudicataria Marexada xa recolleu un total de 65 solicitudes de centros educativos para participar nas actividades ofertadas para este curso académico 2021/2022, das que 20 xa están pechadas para desenvolver entre os meses de novembro e decembro.

Os talleres están centrados nas materias de educación e concienciación medioambiental, prácticas deportivas, sustentabilidade, economía circular e vida saudable, ofertándose unhas cinco actividades/saídas por colexio. A primeira delas celebrarase este martes 2 de novembro, no que 21 alumnos de 3º curso do CEIP San Andrés de Xeve poderán practicar escalada no Multiúsos da Xunqueira, entre as 11:20 e as 12:50 horas.

O programa continuará o mércores 3 de novembro cunha saída de 25 alumnos de 6º curso do CEIP A Xunqueira por un tramo do Camiño Portugués, (polo contorno de Tomeza), entre as 10:50 e as 12:50 horas e o xoves 4 de novembro cunha observación de aves nas Marismas de Alba na que participarán 22 escolares de 6º curso do CEIP Cabanas, entre as 10:50 e as 12:20 horas.

As actividades retomaranse o martes da seguinte semana, 9 de novembro, no que o alumnado de 6º curso do colexio de Cabanas (22 rapaces), desfrutará do obradoiro de escalada entre as 11:20 e as 12:50 horas, mentres que para o mércores 10 está previsto un novo observatorio de aves no que tomarán parte 14 alumnos de 2º curso do CEIP Plurilingüe Froebel, entre as 10:50 e as 12:35 horas. “Esta primeira quenda de actividades pecharase o xoves 11 de novembro con outro observatorio de aves que realizarán 22 nenos de 2º curso do CEIP San Martiño, tamén en horario de 10:50 a 12:20 horas. A empresa Marexada continúa a efectuar chamadas aos centros para pechar datas e facilitar os formularios de inscrición a aqueles colexios que aínda non os cubriron”, avanza o tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández.

Non obstante, a Concellería de Educación enviou a tódolos centros do municipio no mes de setembro un email con toda a información básica deste proxecto, (data, horario, actividade…), e dous documentos adxuntos: un con indicacións para os participantes, (levar calzado cómodo, merenda…), e unha folla de participación a cubrir polo centro, (na que deben indicar datos da aula, número de participantes, persoas do centro que irán á saída…). Unha vez finalizada a saída, dita folla será firmada polo titor/a do grupo a modo de confirmación do número de participantes, e da propia realización da actividade.

As actividades ofertadas están seleccionadas en función dos diferentes treitos de idade. Así, para 1º a 6º de Primaria propóñense a cobertura dun tramo do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Pontevedra; a visita ao Parque Etnográfico das Cabanas Prehistóricas de Outeiro das Mouras (Salcedo); escalada no Pavillón da Xunqueira; o Roteiro dos Segredos de Ponte Sampaio; unha ruta polos Muíños do Batán, e observación de aves nas marismas de Alba, mentres que para o treito de 1º, 2º e 3º de Primaria deseñouse un específico de viaxe no tempo pola ruta de Gatomorto, (en Santa María de Xeve), e para o de 4º, 5º e 6º de Primaria un de kayak no Pontillón do Castro, un de xeocaching na Fracha e unha ruta guiada de interpretación ambiental pola senda do río Lérez.

 

Laboratorio da infancia. Fonte: Concello

 

Tino Fernández lembra que o proxecto Laboratorio da Infancia enmárcase dentro das accións a desenvolver na Estratexia de Desarrollo Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra, ‘Máis Modelo Pontevedra (Edusi), no que se contempla unha liña de accións dirixida aos centros educativos. Entre os seus obxectivos inclúense:

a) A educación e concienciación ambiental, sustentabilidade e economía circular: talleres con contido pedagóxico que expliquen os valores do mundo rural e natural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados ao redor de Pontevedra, especialmente o que se está conformando a través da Edusi con cofinanciamento Feder na Fracha, pero tamén ao resto de espazos naturais e parques forestais da cidade.

b) A educación e concienciación deportiva: quérense potenciar os recursos deportivos e tamén do medio natural, con talleres vinculados á práctica deportiva e á vida saudable, (entre outros, talleres de remo/ piragüismo no Lérez ou de escalada no Pavillón da Xunqueira, remodelado dentro do mesmo marco).