10 noviembre, 2021
Os xogos e sabores propios destas datas outonais, e nomeadamente do tradicional Magosto e do San Martiño, chegarán esta fin de semana ao Mercado de Abastos da man do programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo.
Entre as actividades deseñadas dentro do Espazo Gastro, os máis pequenos teran ocasión de elaborar o biscoito galego por excelencia, unha esponxosa e deliciosa bica desas de toda a vida, (o sábado 13 de novembro), e uns orixinais e espectaculares ‘cakepops’ ou chupa-chups de castaña asada con cobertura de chocolate, para festexar o Magosto deleitando o padal, (o domingo 14 de novembro).
Segundo avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “no que atinxe ao eido máis creativo, o do Espazo Crea, na xornada do sábado os nenos e nenas participantes terán ocasión de confeccionar unhas buxainas, coas que é típico xogar polo San Martiño, con materiais de refugallo, xuntando así tradición con respecto pola natureza; mentres que na do domingo poderán deseñar unhas divertidas cestas portacastañas para desfrutar do noso froito favorito do outono sen queimar as mans despois de asalas”.
Como de costume, as actividades, destinadas a rapaces de 4 a 10 anos, desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e para poder participar será necesario reservar praza a través do email oganapan@gmail.com (as inscricións pecharanse ás 16:00 horas do día anterior ao da celebración dos talleres).
Alerta