O Medio Maratón volverá encher de enerxía e deporte as rúas de Pontevedra este domingo, coa participación de case un milleiro de corredores

Compartir
Maratón. Fonte: Concello

A clásica por antonomasia regresa en todo o seu esplendor, tras un 2020 no que se converteu na primeira proba en ruta organizada tralo confinamento e nun modelo a seguir para outros eventos.

O XXXIX Gran Fondo Caixabank, impulsado pola Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes, volverá incluír este ano a distancia de 10 km e terá saída desde a Ponte dos Tirantes.

 

Ao Medio Maratón de Pontevedra non hai quen o pare, nin sequera unha pandemia. Despois dun 2020 no que se converteu na primeira proba en ruta que se organizaba tralo confinamento que sufrimos por mor da Covid-19, e nun modelo a seguir para os eventos deportivos que se realizarían posteriormente no resto do Estado, (grazas a un estrito protocolo que se cumpriu á perfección), a clásica por antonomasia regresa este domingo 17 de outubro, en todo o seu esplendor para encher de enerxía e deporte as rúas da nosa cidade, con case medio milleiro de corredores procedentes das catro provincias galegas e doutros puntos da península.

O XXXIX Gran Fondo Caixabank, XXVI Medio Maratón de Pontevedra, organizado pola Sociedade Ximnástica baixo o patrocinio da Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, volverá incorporar este ano os 10 km, unha distancia moi demandada a través das redes sociais desde que no 2019 se incluíse por primeira vez e que en 2020 non se puido manter polas rigorosas limitacións de aforo que existían naquel momento. Deste xeito, das 950 persoas inscritas nesta edición, 350 participarán nos 10 km e 600 no medio maratón, quedando unicamente 50 das prazas dispoñibles sen cubrir na distancia curta e acadándose un aforo completo na de 21.097 metros.

A proba foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; a presidenta da Sociedade Ximnástica, Charo Castro; o director da área de Pontevedra de Caixabank, Gonzalo Talegón; a directora da oficina de Riestra da entidade bancaria, Montse Piñeiro, e o director técnico da carreira, Víctor Riobó. Segundo precisou Riobó, “o inicio dos 10 km terá lugar ás 10:00 horas e o do medio maratón ás 10:30 horas, con saídas de 100 en 100 corredores distribuídas cada dous minutos desde a Ponte dos Tirantes, (cara a avenida de Bos Aires, en dirección Marín)”. Os participantes terán que presentarse na zona de presaída 15 minutos antes da saída, portando máscara de protección. Non a poderán retirar ata que alguén da organización llelo indique, xusto antes de comezar a correr.

 

Medio Maratón. Fonte: Concello

 

O director técnico do Gran Fondo Caixabank informou de que “a entrega de dorsais xa está habilitada desde primeira hora de hoxe e permanecerá ata o sábado ás 20:00 horas en diferentes puntos de entrega por toda Galicia, (en Pontevedra, na tenda Miler Vintage Running Club, situada na Peregrina)”. Tal e como aclarou Víctor Riobó, aínda que o circuíto deste ano non está homologado, xa que o plan deportivo e de tráfico comezou a deseñarse en medio da campaña de vacinación, “mellorouse moito o seu percorrido e a proba si que é federada, con xuíces e dentro do calendario da Federación Galega de Atletismo”. “Para o ano que vén seguro que será un circuíto homologado”, avanzou Riobó.

 

Cartel Medio Maratón. Fonte: Concello