O monolito en recoñecemento da loita social contra o narcotráfico decidirase entre seis deseños

Compartir
Monolito. Fonte: Concello

O xurado convocado polo Concello de Vilagarcía reunirase a semana que vén para avaliar as propostas presentadas ao concurso.

 

Un total de seis propostas presentáronse ao concurso escultórico convocado polo Concello de Vilagarcía, para render homenaxe á sociedade arousá pola súa loita contra o narcotráfico. Pechado o prazo de recepción de propostas, o Concello vén de convocar ao xurado que se encargará de avaliar os deseños concursantes e elixir o que finalmente se colocará nos xardíns de Ravella, tal como se acordara. A reunión do xurado celebrarase o vindeiro xoves, 4 de novembro, e o fallo darase a coñecer ese mesmo día.

A convocatoria deste concurso da cumprimento ao acordo plenario no que se declaraba o recoñecemento do Concello de Vilagarcía á loita desenvolvida pola sociedade civil agrupada en torno á Plataforma Galega Contra o Narcotráfico, organismo creado en 1994 e integrado por veciños, asociacións e institucións de diversos municipios da Ría, e do resto de Galicia para denunciar e combater os efectos que a actividade do narcotráfico estaba a ter na economía local e na vida e saúde de moitas persoas. Dentro dese mesmo acordo recollíase que nese recoñecemento se fixera visible e perdurable mediante a colocación dunha obra escultórica.

Puideron concorrer ao certame persoas físicas ou xurídicas, tanto a nivel individual como colectivo, pero cunha única proposta. Segundo se recollía nas bases, as obras deben ser orixinais e inéditas e cinguirse á configuración dun monolito que incorpore como motivo artístico unha árbore coa letra “V” simbolizando a vida e a cor verde da esperanza, e no que se integre no logo da GCN-FGCN o lema da primeira manifestación celebrada en Vilagarcía en protesta contra o narcotráfico: “Galicia contra as drogas “. A peza non poderán superar os 150 centímetros de alto, cunha peana de 15 centímetros como máximo.

O gañador do certame recibirá un premio de 15.000 euros. Unha vez fallado e notificado o premio, a persoa galardoada deberá executar a peza, dispoñendo do prazo máximo de 6 meses para ser instalada no espazo público indicado.

O xurado encargado de avaliar as propostas e elixir á gañadora estará presidido polo alcalde e integrado pola concelleira de Cultura, todos os voceiros dos grupo da Corporación Municipal, un experto en arte representando á FGCN, que será o profesor Augusto Guedes, e o arquitecto municipal.