Conta do Museo en Instagram. Fonte : Deputación
21 noviembre, 2021
A institución museística crea un perfil oficial para dar a coñecer as súas obras, actividades e eventos buscando unha maior interacción co público.
O Museo de Pontevedra vén de abrir unha conta en Instagram, @museo_pontevedra, un perfil oficial a través do que achegar ao público todos os seus fondos, actividades, eventos e efemérides, e que se suma a Facebook, a outra rede social na que ten presencia a institución pontevedresa, e na que conta con 13.755 persoas seguidoras.
Calquera persoa poderá ir coñecendo o Museo sen necesidade de visitalo presencialmente usando o teléfono para ver a súa conta de IG, unha maneira de promoción na que hai tempo que se pretendía poñer en marcha e que se erixe como estupenda ferramenta para difundir a cultura e o coñecemento presente nas coleccións permanentes e tamén temporais.
A intención da dirección do Museo é explicar cada día cun post algunha das pezas, ver como se fan as montaxes, animar a visitar exposicións e tamén recoller efemérides, ou divulgar sobre arte e a súa terminoloxía, entre outras cuestións, sempre a través de imaxes de boa calidade. Así mesmo, no apartado das Stories, iranse dando a coñecer as actividades, obradoiros e eventos que, de maneira propia ou allea, se vaian organizando e celebrando nos diferentes edificios do Museo. A intención é ter moi en conta as persoas usuarias e visitantes e aumentar a interacción co público.
A presenza do Museo nas redes e no mundo dixital, ademais da creación da conta en IG, mellorará tamén en breve grazas á renovación da actual páxina web, renovando contidos a través dun novo formato máis interactivo e accesible cunha imaxe máis actual.
Alerta