O Museo organiza percorridos guiados sobre a morte e os seus rituais, na arte co gallo do mes dos defuntos

Compartir
Carrero. Fonte: Deputación

‘Como te ves, eu vinme; como me ves, ti veraste’,  é o título da actividade que se desenvolverá os martes 2, 16 e 30 de novembro.

 

O Museo de Pontevedra vai desenvolver este mes de novembro unha actividade relacionada co mes dos defuntos: percorridos guiados polos seus fondos que, baixo o título ‘Como te ves, eu vinme, como me ves, ti veraste’, afondarán en diferentes aspectos relacionados coa morte e os rituais que a rodean na arte, desde os enterramentos do Neolítico ata os costumes do século XIX.

O departamento de Educación do Museo de Pontevedra propón un percorrido polos edificios Sarmiento e Castelao, no que se falará sobre diferentes perspectivas coas que as e os artistas foron abordando a morte nas diferentes épocas.

A primeira parada será no Edificio Sarmiento, na sala 1, onde comeza o percorrido falando dun dos fenómenos mais característicos da prehistoria galega, os monumentos funerarios do megalitismo. Posteriormente pasarase á sala na que se explica a tradición dos enterramentos en época romana abondando información sobre as estelas de Vilar de Sarria e a Estela de Cornelio Cressimo, para rematar cos enterramentos procedentes do xacemento de A Lanzada.

Xa no Edificio Castelao, na planta primeira, falarase dos enterramentos durante a Idade Media e o seu cambio respecto das inhumacións de época romana, co exemplo do Sepulcro de Suero Gomez de Soutomaior e as laudas gremiais; pasarase á sala do século XIX para poñer dous exemplos de tratamento da morte coas miniaturas do ‘Retrato de señora con pita’ e cinco miniaturas en estoxo de daguerrotipo; seguirase na sala de Goya, ante a pantalla, para ver dixitalizadas as catro series dos seus gravados, explicando unha das láminas da serie de Os Caprichos. O peche do percorrido realizarase na sala oito, abordando a Xeración Doente.

Os percorridos ‘de defuntos’ realizaranse os martes 2, 16 e 30 de novembro, ás 18:00 horas. Será necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal.