O evento, que fará de Pontevedra o epicentro do debate estatal sobre innovación e investigación Patrimonial, será o 4 e 5 de novembro.
Está aberto o prazo de incrición e de presentación de ‘pósters’.
O Museo de Pontevedra vai retomar no mes de novembro a celebración das I Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial, que fora adiada na primavera de 2020 por causa da pandemia. O evento, organizado polo Museo de Pontevedra e a USC, suporá unha cita de relevancia para o mundo da acción cultural e converterá Pontevedra no epicentro da investigación e a innovación sobre a difusión do patrimonio con representantes do Museo de Prado, o Thyssen, o Museo de Cádiz ou a Rede museística de Lugo, as Universidades de Santiago, Vigo, Madrid, Valladolid, Murci , Huelva, País Vasco ou Porto, entre outras entidades.
A inscrición é totalmente gratuíta grazas ao patrocinio da Deputación, mais debe formalizarse na súa web ata o 31 de outubre:
Pola súa banda, as persoas interesadas en presentar ‘pósters’ deberán facer unha solicitude previa indicando a temática e autoría até o día 1 de outubro. Unha vez aprobada deberán enviar o texto definitivo antes do 25 de outubro de acordo co formato e as normas previstas. As sesións de presentación e debate serán coordinadas para promover o diálogo e a participación, e as aportacións, que poderán acompañarse dun breve texto explicativo, serán publicadas polo Museo de Pontevedra en formato electrónico.
Segundo explica o Director do Museo, Xosé Manuel Rey, a Educación Patrimonial é un dos aspectos fundamentais a desenvolver no programa de traballo da Institución Pontevedresa, unha liña de acción dende a que se van promover moitas iniciativas: a renovación da oferta cultural e educativa, a reordenación de obradoiros e todo o que ten que ver coa mediación cultural. “A Educación Patrimonial permite xerar actitudes proactivas cara aos elementos culturais, e contribúe a entender o patrimonio como elemento de reafirmación cultural, e identitaria nas comunidades ás que pertence, no caso do Museo, tendo en conta a relación coa contorna na que se move, a cidade en xeral, e coa comunidade local máis próxima”, afirma Rey.
Baixo esta premisa o Museo decidiuse a organizar as Xornadas de Educación Patrimonial en colaboración co grupo ‘Roda’ da USC. O obxectivo é que o evento se convirta nun foro para a posta en común de diferentes experiencias, que se están desenvolvendo tanto en Galicia, como noutros lugares de España e Portugal, grazas a actividade que promoven equipos de educación e acción cultural dos museos, investigadores universitarios e persoas relacionadas coa educación patrimonial.
O programa inclúe tres relatorios a cargo de: a Coordinadora do Observatorio de Educación Patrimonial de España, Olaia Fontal, da Universidade de Valladolid; a Coordinadora Xeral de Educación do Museo do Prado, Ana Moreno; e o Responsable da area de Educación do Museo Thyssen-Bornemisza, Rufino Ferreras. Así mesmo prográmanse tres mesas redondas coa participación de persoas investigadoras e profesionais vinculadas con museos e universidades, e sesións interactivas abertas para debater sobre as iniciativas de Educación Patrimonia,l que se presentan en forma de pósters polas persoas inscritas.