3 diciembre, 2021
O programa de Promoción Económica estenderase por Raíña Vitoria, Galerías Oliva, A Parda, Campolongo, Monte Porreiro, Ponte Sampaio, Verducido, Lérez, Cerponzóns e Xeve.
Entre as accións inclúense pasarrúas protagonizados por Faunos de Xeo, Papá Noel con trineo, Christmas Cars, Christmas Trees e outros seres extraordinarios de Pablo Méndez.
Todos aqueles que merquen no comercio local poderán subir ao Tren do Nadal e aos karts, así como degustar deliciosos churros de balde, ensinando os seus tíckets de compra.
O Nadal prepárase para desembarcar en Pontevedra cunha verdadeira explosión de talleres e actividades de lecer infantil para tódolos gustos que terán como epicentro a avenida Raíña Vitoria e o seu contorno e cuxa onda expansiva se estenderá polas Galerías Oliva, os barrios de A Parda, Campolongo e Monte Porreiro e as parroquias de Ponte Sampaio, Verducido, Lérez, Cerponzóns e Santo André de Xeve. O programa deseñado para estas datas de ilusión e ledicia pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, inclúe pasarrúas por diversas zonas da cidade protagonizados por Papá Noel co seu trineo, Faunos de Xeo, Christmas Cars, Christmas Trees e outros seres extraordinarios da compañía de performances de Pablo Mèndez.
Ademais, todos os que merquen no comercio local poderán desfrutar do flamante Tren do Nadal (en funcionamento desde hoxe) e da pista de karts que se instalará en Raíña Vitoria, e mesmo degustar churros de balde, ensinando os correspondentes tíckets de compra. Segundo avanzou Yoya Blanco, que presentou as iniciativas de lecer e dinamización do Nadal de 2021 coincidindo coa estrea da espectacular decoración do Mercado de Abastos, “os cidadáns que se acheguen até Raíña Vitoria entre o venres 17 de decembro e o domingo 9 de xaneiro poderán atoparse cunha enorme carpa e unha pista de karts de Ponte Xogos, interesantísimos talleres de cultura e deportes urbanos impartidos pola Urban Culture Factory e unha variada oferta de xogos, inchables, exhibicións e obradoiros de cociña creativa, maquillaxe de fantasía, estampado de bolsas, chapas de Nadal, ciencia divertida, globoflexia, manualidades, decoración, contos de Nadal, debuxo, zumba, bailes de Tik Tok, paracaídas, relevos, collage ou tatuaxes, así como, por suposto, de elaboración de cartas para Pai Natal e os Reis Magos”.
As actividades de Ponte Xogos en Raíña Vitoria darán comezo o 17 de decembro pola tarde, desenvolvéndose o resto de días en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, con excepción do 20 e o 21 de decembro, (días nos que o recinto permanecerá pechado pola mañá), o 25 de decembro e 1 de xaneiro, (nos que non se celebrarán actividades) e o 5 e 6 de xaneiro, (non funcionarán en horario de tarde e de mañá, respectivamente). No que atinxe aos talleres de cultura e deportes urbanos, terán lugar en Raíña Vitoria e nas instalacións da Urban Culture Factory entre os días 18 de decembro e 9 de xaneiro, (con excepción do 25 de decembro, o 1 de xaneiro e as mañás dos días 17, 20 e 21 de decembro), e centraranse en disciplinas en auxe como o skateboarding, o surfskate, o baile urbano, o sup ioga… Especialmente pensadas para rapaces de entre 5 e 16 anos.
“Serán tres talleres diarios distintos de nivel iniciación para cada actividade, cun máximo de cinco asistentes por taller, incluíndo Iniciación ao Skateboarding, ‘Quero ser un Jedi’, Graffiti para Nenxs, Iniciación ao Ioga para Nenxs e Baile Urbano. A Urban porá á nosa disposición o seu skatepark cuberto no número 44 da avenida das Corvaceiras, así como 12 skates de diferentes medidas e equipos de protección, (cascos, xeonlleiras e codeiras). Para actividade de graffiti contaremos coa colaboración do graffiteiro O’Ras. As actividades de ioga, baile urbano, surfskate e indoorboard e ‘Quero ser un Jedai’ desenvolveranse no interior da carpa instalada en Raíña Vitoria”, precisou Yoya Blanco.
A concelleira de Promoción Económica aclarou que “obviamente todas estas actividades serán de balde, ao igual que o Tren do Nadal, os karts e os deliciosos churros de Galiano, que desfrutarse por aqueles que teñan mercado antes no comercio local e que presenten os seus tíckets de compra para trocalos por viaxes, carreiras ou churros”. Tal e como subliñou a edil do PSOE, “Ponte Xogos tamén despregará un máxico e suxestivo programa de actividades de lecer infantil de Nadal, con obradoiros creativos, nas Galerías da Oliva e nos barrios da Parda, Monte Porreiro e Campolongo”.
O Nadal nas Galerías celebraríase os días 22, 23, 24, 27, 28 e 29 de decembro en horario de 17:00 a 19:00 horas, con tres obradoiros diarios destinados a nenos e nenas a partir de 3 anos e actividades específicas do Pai Natal, (22, 23 e 24 de decembro), cun máximo de 10 rapaces. A iniciativa Os Barrios do Nadal terá lugar o 30 de decembro na Parda, o 3 de xaneiro en Monte Porreiro e 4 de xaneiro en Campolongo, en horario de 16:00 a 20:00 horas, contando cada día con seis talleres para nenos a partir de tres anos máis as actividades específicas do Pai Natal ou dalgunha personaxe máxica do Nadal.
Alerta